+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

A XUNTA APROBA O OBRADOIRO DE EMPREGO “LÉREZ VERDUGO II” DA LAMA E CERDEDO-COTOBADE


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que os beneficiarios deste programa recibirán formación con certificado de profesionalidade e un contrato de traballo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe a resolución, por parte do Consello da Xunta, da convocatoria de axudas dos obradoiros de emprego dirixidas aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes que permitirá a realización do obradoiro “Lérez Verdugo II” dos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade que permitirá incrementar as oportunidades laborais de 20 desempregados destes municipios a través dun investimento de 336.446 euros.

En total, en Galicia aprobáronse 77 iniciativas cun orzamento de 22,3 M€. Os beneficiarios recibirán formación con certificado de profesionalidade e tamén un contrato de traballo. Na provincia de Pontevedra desenvolveranse 21 iniciativas (15 duais e 6 xuvenís).

Trátase da segunda convocatoria deste programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. A duración dos obradoiros duais será de 9 meses.

Ademais, no caso dos obradoiros xuvenís para menores de 30 anos, estes deberán estar inscritos e en situación de beneficiarios no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma. As actividades estarán relacionadas coa titulación ou formación previa que posúan ou para a mellora do seu nivel de competencia profesional. A súa duración será de 6 meses.

Entre os criterios de valoración desta convocatoria destacaron a maior puntuación para os concellos asociados ou resultantes de fusións de dous ou máis municipios, así como para os concellos emprendedores. Tamén se primaron os proxectos que tiveron máis actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital; a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio e, nos casos dos obradoiros duais, valorouse o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación laboral durante un mínimo de tres meses a xornada completa.

Os obradoiros de emprego, que comezarán a partir do 30 de setembro deste ano, forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panca de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación ou desaparición doutras.

Deja un comentario