+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

MENTA, HERBA LUISA E ENREDADEIRAS PARA A VECIÑANZA MÁIS CONCIENCIADA COA COMPOSTAXE


Éxito da primeira semana do punto informativo do Plan Revitaliza que estará este domingo en Tomiño e a vindeira semana no Porriño, Rosal, Oia e Goián

 

O punto informativo sobre compostaxe do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra rematou a súa andaina por Salceda de Caselas, Mondariz e As Neves cun grande éxito. Foron centros de veciños e veciñas as que se achegaron á carpa para recibir explicacións sobre como compostar por parte das mestras e mestres composteiros. Os máis concienciados recibiron plantas (menta, herba luisa, enredadeiras, festucas e sempervivum) que poder fertilizar con compost, ademais doutros agasallos, que se esgotaron en todos os municipios visitados.

A carpa seguirá a súa xira o vindeiro domingo, cando se instalará no Biomercado de Tomiño (praza do Seixo) entre as 11 e as 19 horas; continuará o martes no Porriño diante do concello en horario de 10 a 13 horas; polo Rosal, tamén diante do Concello e no mesmo horario; pola praza do Centinela en Oia, con iguales horas; e finalmente no núcleo de Goián, de novo en Tomiño, tamén só pola mañá.

Na xornada de hoxe, o punto informativo estivo en As Neves, onde contou coa visita do alcalde Xosé Manuel Rodríguez. Aproveitouse o evento para que algúns veciños e veciñas puideran recoller o composteiro individual para o seu domicilio despois de ter recibido a formación necesaria. Ademais, levaron consigo unha guía de compostaxe, un imán para a neveira (no que se lembran os materiais que se poden botar no composteiro), bolsas ecolóxicas para evitar as plásticas, e outro merchandising.

Nas vindeiras xornadas, tal e como se fixo estes días, o persoal técnico provincial dará a coñecer todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe que promove a Deputación e lembrarán que é precisa a concienciación e colaboración da cidadanía para poder cumprir coa normativa europea vixente.

 

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.

Deja un comentario