+034 986 09 02 04 Mércores 27 de Maio de 2020

O concello de Ponte Caldelas comezou as obras da EDAR de Buchabad


Supoñerá un investimento duns 75.000 euros e permitirá a entrada en funcionamento do saneamento neste núcleo de poboación antes do verán

O alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez visitou onte o inicio das obras de construción da EDAR de Buchabad que está a executar empresa Construcións e Proxectos Abilleira. A construción desta depuradora supoñerá un investimento de 75.752 euros.
Esta obra foi incluída polo alcalde no Plan de Obras aprobado pola Deputación para os concellos o pasado verán. O alcalde de Ponte Caldelas prevé que a obra poida finalizarse en primavera co que antes do verán o núcleo de Buchabad poderá contar xa co servizo a rede de sumidoiros.
A empresa comezou xa a escavación na parcela e está previsto que a maquinaria da EDAR se instale xa nos próximos días. Trátase dunha instalación compacta que mide 11 metros de lonxitude por 3 de ancho e de altura. Toda esta EDAR quedará enterrada na parcela, polo que non terá ningún impacto visual. A EDAR compacta constará dun desbaste de sólidos + decantador dixestor + decantador + arqueta de toma de mostras.
Hai que recordar que para a licitación desta obra foi necesario previamente expropiar unha parcela de 1.000 metros cadrados, por ser a zona que mellor se adaptaba para a instalación da EDAR, tanto polas súas características coma pola súa situación e accesos de acordo con todos os estudos técnicos realizados polo Concello e por Augas de Galicia. Outras parcelas propostas na zona tiñan varios problemas para albergar a depuradora, posto que se trataba de zonas moito máis húmidas e que carecían de acceso abondo para camións, necesario tanto para a súa construción coma para o seu mantemento.
O procedemento expropiatorio concluíu en verán e posteriormente o Concello aprobou o proxecto e procedeu á súa licitación para a contratación da obra.
Entre os anos 2008 e 2010 o Concello de Ponte Caldelas leva xa investidos na construción da rede de rede de sumidoiros de Buchabad uns 250.000 euros. A pesar de ter completadas estas obras, para a posta en funcionamento do servizo, faltaba a construción da EDAR na zona elixida polo proxecto técnico, que se viu atrasado pola falta de acordo coa propietaria dos terreos, a pesar dos intentos realizados pola directiva da Comunidade Veciñal coa propietaria. Agora con esta expropiación dáse por emendado o problema.
No núcleo rural de Buchabad están instalados os colectores para o saneamento de fecais dende o 2010, actualmente sen uso, pois para a súa posta en funcionamento era necesaria a construción e posta en servizo da EDAR. O investimento total en todo o saneamento de Buchabad superará os 310.000 euros.

Deja un comentario