+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

MONDARIZ PREPÁRASE PARA UNHA NOVA EDICIÓN DO FESTIVAL DE OUTONO DE SON


Coros galegos e portugueses compartirán escenario na Praza de Abastos de Mondariz o vindeiro 5 de outubro

O festival de música coral Outono en Son regresa este primeiro fin de semana de outubro a Mondariz para mostrar, por terceiro ano consecutivo, o rexuvenecemento e a orixinalidade deste xénero.

A terceira edición do evento, promovido polo coro galego “Mistura Vocal”, conta coa colaboración do Concello de Mondariz. Os concertos están programados para o sábado, 5 de outubro, na Praza de Abastos da localidade, un espazo pouco habitual para actividades culturais que xa demostrou a súa idoneidade acústica e ambiental no pasado. A entrada será libre até completar aforo.

Outono en Son 2019 contará cunha selección de coros galegos e portugueses que se sitúan á vangarda da música coral e acreditan un gran palmarés neste eido. Por primeira vez, o festival recibe convidados doutros países e asume certo carácter internacional. A participación de coros portugueses, ademais, pon de relevancia a tradicional irmandade galego-portuguesa no eido do intercambio cultural.

Abrirá o festival o coro anfitrión “Mistura Vocal”, que se atopa preparando a súa participación no concurso Gran Premio Nacional de Canto Coral, previsto para o mes de abril en Ejea de los Caballeros (Zaragoza), despois de gañar o concurso nacional de coros
de San Vicente de la Barquera (Cádiz). “Mistura Vocal” está formado por cantores de toda a zona sur da provincia de Pontevedra e destaca por ter un variado repertorio musical. Baixo a dirección de Aloia Martínez, interpretarán obras corais que van dende o Romanticismo ata a actualidade, sen esquecer a música dos autores galegos contemporáneos.

Continuará o “Coro de Câmara de Barcelos”, un conxunto vocal relativamente xove que está gañando unha notable relevancia. Os seus 12 integrantes interpretarán un variado repertorio de música contemporánea, principalmente, no que as obras de autores portugueses terán especial protagonismo.

Pechará o festival o coro “Coura Voce”, unha formación feminina de 30 integrantes que xurdiu dunha colaboración entre a Câmara Municipal de Paredes de Coura e o Conservatório Regional do Alto Minho e traballa na valoración e divulgación da música vocal. Malia a curta idade das cantoras, este coro presenta moi variados e complexos repertorios. Nesta ocasión, afondarán na polifonía
contemporánea e no folclore baixo a dirección de Vítor Lima.

Estes tres coros, tal e como vén sendo habitual nos seus concertos, tratarán de aportar a máxima calidade ás súas interpretacións. O carácter profano da Praza de Abastos, unido á coidada iluminación do interior deste histórico espazo comercial despois da súa restauración, permitirá unha maior conexión popular con este tipo de música.

Deja un comentario