+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

A CORPORACIÓN DA LAMA APROBA POR UNANIMIDADE UNHA MOCIÓN A FAVOR DA COMARCALIZACIÓN DO PARQUE DE BOMBEIROS DE PONTEVEDRA PARA QUE ATENDA AS EMERXENCIAS NA COMARCA


O Pleno fixou os festivos locais para o 27 de xullo (Festas de San Xoaquín e Santa Ana) e o 5 de agosto (As Ermidas)

 

A Corporación Municipal do Concello da Lama aprobou por unanimidade dos seus concelleiros presentes (non asistiu ningún do PSdeG-PSOE) a moción presentada polo concelleiro do BNG, Jesús Fortes Justo, relativa á comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra co fin de que poda atende-la demanda en materia de emerxencias que presenta a comarca, especialmente o municipio lamense.

Este acordo produciuse despois de que o concelleiro nacionalista, ao igual que pasou na veciña Corporación de Cerdedo-Cotobade, accedera a admitir unha emenda transaccional presentada polo Partido Popular na que se instá á Deputación de Pontevedra, “como administración competente en prevención e extinción de incendios nos concellos de menos de 20.000 habitantes, á creación de parques e dotacións de medios que permitan reducir o tempo de resposta ante emerxencias no noso concello”.

Outro dos asuntos tratados foi a aprobación dos festivos locais que, se fixo por unanimidade, e que seguindo o modelo tradicional establécense para o 27 de xullo, por mor das festas de San Xoaquín e Santa Ana e para o 5 de agosto, para facilita-la celebración da festividade das Ermidas e a Festa do Emigrante.

Finalmente, procedeuse a aproba-lo expediente de modificación de crédito, modalidade de transferencia de crédito, entre aplicacións de distintas áreas de gasto por importe de 45.900 euros coa intención de dar principalmente resposta á necesidade de gasto en materia de asuntos sociais que precisaban de ser atendidas a través doutras partidas non esgotadas e cuxa cuantía non ía ser utilizada na súa totalidade.

Deja un comentario