+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

O CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN ESTUDA SANCIONAR Á EMPRESA DE RECOLLIDA DE RESIDUOS POR DEFICIENCIAS NO SERVIZO


O goberno local está a considerar sacar de novo o servizo a concurso público
O Concello de Pazos de Borbén está a estudar aplicar sancións á empresa encargada da recollida de lixos e sacar novamente o servizo a concurso público. A medida derívase de “as continuas deficiencias no servizo que levamos meses padecendo”, explicou o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias.
Segundo detallou o rexedor, o obxectivo desta medida é “recuperar a calidade do servizo que perdemos estes meses”, tempo no que asegura que “o servizo triplicou os tempos de recollida chegando a deixar algúns puntos desatendidos durante case unha semana”.
Desde a empresa concesionaria, declarou o alcalde, xustificáronse as deficiencias e atrasos do servizo con varios motivos relativos ao persoal. “Entendemos que durante o verán poida haber problemas de persoal polas vacacións, que os condutores novos non coñezan os roteiros, as avarías… pero chega un momento no que tes que tomar unha decisión, e esta situación non se pode consentir”, explicou Iglesias.
Desta maneira, indicou Iglesias, desde o goberno local están a estudar os termos do expediente sancionador á concesionaria e a posibilidade de volver sacar a concurso público o servizo para que novas empresas poidan presentar as súas propostas unha vez refugada a posibilidade de volver a municipalizar o servizo. “O custo de facernos cargo do servizo é inasumible, é unha estrutura de maquinaria e persoal demasiado grande. Sería unha tolemia e unha irresponsabilidade porque o recibo de lixos sería desproporcionado e inxusto para os veciños”, finalizou o edil.

Deja un comentario