+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

CANDA E VARIOS CONCELLEIROS INSPECCIONAN A MARCHA DAS OBRAS DO POLIDEPORTIVO DE BERDUCIDO QUE LEVARÁ O NOME DO MOZO LUÍS MANUEL SOBRADO GONZÁLEZ, FALECIDO EN ACCIDENTE DE TRÁFICO


Contará con vestiarios con duchas de auga quente, peche perimetral con rede de altura, humanización da contorna e adaptación do espazo para o parque infantil e o biosaudable

 

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, e os concelleiros Francisco Pérez, José Fortes e Daniel Vidal, comprobaron o avance das obras que se están a acometer na pista polideportiva de Berducido e que levarán, cando rematen, o nome de “Pista Polideportiva Luís Manuel Sobrado González” en homenaxe a este mozo falecido nun tráxico accidente de estrada.

O investimento afrontado polo Concello da Lama na pista polideportiva supoñerá un desembolso económico duns 80.000 euros e permitirá aos veciños da parroquia de berducido mellorar o acceso á práctica deportiva xa que se recuperará o vello e abandonado vestiario existente e poñerase en funcionamento con duchas de auga quente así como dos elementos necesarios para garantir o correcto aproveitamento por parte dos usuarios que se acheguen ata aquí para a práctica deportiva.

Así mesmo, o proxecto que se está executando polo Concello contempla o peche perimetral da pista polideportiva cunha rede de gran altura, a humanización da contorna e a mellora do parque infantil e o biosaudable existente no lugar.

Jorge Canda manifestou que a iniciativa de impoñer o nome de Luís Manuel Sobrado González xurdiu dos propios veciños e “ven a signficar un recoñecemento a unha persoa que morreu xoven, nun accidente de tráfico, e que sempre estivo ligado ao mundo do deporte e a favorece-a convivencia veciñal polo que a súa perda representa un baleiro importante entre aquelas persoas que ou coñeceron, sobre todo a través dá práctica deportiva, unha dás súas principais paixóns”.

O Concello da Lama instalará, cando finalicen as obras, unha placa conmemorativa na que figure o nome da Pista Polideportiva Luís Manuel Sobrado González e un recoñecemento do mundo deportivo lamense a este mozo falecido en accidente de tráfico.

Deja un comentario