+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

YIMEI CHEN: “AO VOLVER A CHINA ADAPTAREMOS O APRENDIDO AQUÍ DO PLAN REVITALIZA AO NOSO CONTEXTO”


A delegación chinesa que está a coñecer o modelo provincial de compostaxe visitará mañá varios composteiros comunitarios en Vilaboa e Pontevedra
A Deputación foi hoxe escenario da recepción institucional da presidenta Carmela Silva e o vicepresidente Mosquera a unha delegación chinesa interesada no Plan Revitaliza, unha viaxe organizada pola fundación Vanke, que esponsorizou un itinerario por Italia, Pontevedra, País Vasco e Navarra para coñecer os modelos de xestión de lixo orgánico máis avanzados en Europa. Os seus integrantes, membros do goberno provincial do Cantón, de ONG, científicos e expertos nos residuos, visitaron ao longo do día varios centros de compostaxe comunitaria que, segundo c consideran, son perfectamente exportables a algunhas zonas do seu país.
A secretaria xeral da Fundación Vanke, Yimei Chen explicou que na China a economía está a desenvolverse moi rápidamente, pero tamén hai unha grande concienciación polo medio ambiente, polo que un dos obxectivos da fundación é tomar medidas.
“En moitas cidades chinesas vense os biorresiduos como un problema ambiental e vemos que hai alternativas para a súa xestión. Ademais dos beneficios ambientais que se poidan conseguir, vemos que hai unha oportunidade para sacarlle proveito aos residuos –facendo compost-“, indicou, para subliñar que dende a Fundación Vanke traballan con expertos mundiais na busca das mellores prácticas no mundo. “Somos moi afortunados de ter bos consultores e ternos posto en contacto con expertos como Carlos Pérez (técnico do Revitaliza) e Ramón Plana, organizar esta delegación, ver como funciona o modelo Revitaliza cos nosos propios ollos e aprender”.
Chen destacou, logo do encontro no pazo provincial, o consello dado polo vicepresidente Mosquera aprender dos erros como unha parte moi importante da aprendizaxe, e subliñou que “cando volvamos á China teremos que adaptar o que temos aprendido aquí ás nosas propias circunstancias e contexto. Agardamos ver polo menos a parte dos que estades aquí algún día alí para que comprobedes como estamos a facer”, finalizou.

 

“O Revitaliza vainos dar máis alegrías”
O vicepresidente Mosquera afirmou que a visita da delegación chinesa a Pontevedra amosa que hai un problema a nivel mundial, en todos os países, cos residuos. “Todos andamos a buscar vías para resolvelo. Nós aportamos a nosa solución, o noso camiño para a solución. Comprenderedes que esta repercusión que está a ter o Revitaliza, con esta delegación chinesa e a semana anterior dende Bruxelas, de Zero Waste, anímanos a seguir neste camiño e a reforzar as medidas e o proxecto Revitaliza, que creo que aínda nos vai dar moitísimas alegrías das que nos está a dar”, dixo.
Durante a recepción unha das representantes da delegación chinesa regalou á Deputación unha frase escrita en chinés que dicía “aínda que esteamos en lugares moi alonxados do mundo, vivimos no mesmo mundo”, lema que a presidenta Carmela Silva subliñou: “Isto hoxe aquí queda moi claro, porque aquí en Pontevedra púxose marcha un proxecto para o tratamento dos residuos sólidos e chegou ata a China, teñen coñecemento alí nunha das grandes potencias do mundo. Hoxe hai aquí unha potencia mundial vendo como funcionan os composteiros que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra”.
Silva indicou que hai maior conciencia de tratar os residuos de maneira sostible en todos os lugares do mundo e subliñou o seu orgullo de recibir á delegación na Deputación, “porque significa que somos unha referencia na xestión do lixo. Sentimos que podemos estar aportando algo, e iso é unha obriga política”.
A presidenta fixo recoñecemento público ao vicepresidente por ser o impulsor do Revitaliza asegurando que o plan de compostaxe “ten sido, é, unha aventura”. “Hai que ser valentes para poñer en marcha proxectos absolutamente diferentes que se están a analizar en moitos lugares. Entenderán vostedes que iso nos satisfaga, amosar ao mundo unha forma de facer política”, finalizou.
A delegación chinesa visitou hoxe composteiros en Ribadumia, Vilagarcía e Barro, e estará hoxe en Vilaboa e Pontevedra, rematando a súa estadía cunha comida no CIFP Carlos Oroza, onde verán como se pecha o círculo dos produtos da mesa e biorresiduos da cociña ao composteiro, á horta ecolóxica, e de novo á cociña para ir á mesa.

Deja un comentario