+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

O CONCELLO PECHA CO ESTADO A COMPRA DA CASA DO POBO DE CORREDOIRA POR 25.000 EUROS PARA PROCEDER Á SÚA REHABILITACIÓN


A operación vaise sufragar cos fondos do Plan Concellos e vén de aprobarse polo goberno local para formalizarse no que resta de ano

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou esta mañá que vén de pecharse definitivamente un acordo co Estado para a compra por parte do Concello da Casa do Pobo de Corredoira, que pertence ao Goberno Central dende que fora incautada no seu día aos veciños polo réxime franquista. O acordo coa oficialía maior encargada da xestión das propiedades e bens sindicais do Ministerio de Empleo quedou fixado en 25.000 euros e permitirá a posterior rehabilitación do inmoble para que sexa usado pola parroquia para actividades veciñais, sociais e culturais.

Esta operación lévase negociando dende o ano 2017, xa que había fortes diferenzas entre a oferta municipal de 14.000 euros e as altas pretensións económicas do Estado para a enaxenación do inmoble, xa que pedía 36.000, pero finalmente saíu adiante, tras realizarse varias tasacións e peritaxes, por unha cifra intermedia entre ambas partes.

“Criamos que a solicitude do Goberno Central estaba fóra de mercado tanto polo valor real do edificio, que ademais supón unha carga para o Estado, xa que ten que mantelo sen darlle ningún uso, e porque a parroquia de Corredoira enmárcase na calificación autonómica de Zona Pouco Poboada (ZPP), polo que conta cun valor urbanístico máis reducido as administracións deben acometer accións tendentes a favorecer o seu dinamismo”, detallou Cubela, que amosou a súa satisfacción porque finalmente se desbloqueara a situación e se chegara a un acordo “cun prezo que creo que é xusto e que dá unha solución boa para todos”.

Agora, queda por formalizar a compravenda no que resta de ano co pago dos 25.000 euros con cargo ao Plan Concellos e despois de que a operación veña de ser aprobada polo goberno local. Posteriormente, afrontarase unha completa rehabilitación do inmoble cunha partida estimada duns 70.000 euros –segundo o anteproxecto presentado aos veciños– que se enmarca no Plan de Centros Veciñais, co que se actúa neste momento en Fentáns, Cutián e Tenorio. Posteriormente, cederase o seu uso aos veciños. “A operación dilatouse algo máis de dous anos polas altas pretensións do Goberno Central, que loitamos por rebaixar, porque somos moi responsables cos cartos públicos e non dilapidamos nin un euro dos veciños”, concluiu o alcalde.

Deja un comentario