+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

Mos presenta o programa anual “TraballaMOS polo teu Futuro”


Trátase dunha estratexia de fomento do emprego, con iniciativas de periodicidade mensual, organizada conxuntamente polas concellerías de Formación e Emprego e Educación e Participación Cidadá

Esta mañá tivo lugar nas instalacións da Axencia de Colocación de Mos a presentación da Estratexia Local de Emprego “TraballaMOS polo teu futuro”, na que estiveron presentes Nidia Arévalo Gómez, alcaldesa de Mos, Óscar Soto Abadín, tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego, Facenda e Patrimonio de Mos, Kely Monzón Otero, concelleira de Educación e Participación Cidadá de Mos e Xosé Alberte Cea, orientador laboral.

Na súa intervención Óscar Soto destacou que “as persoas mellor formadas son as que antes se incorporan ó mercado laboral, de ahí a importancia de iniciativas formativas coma esta”, dixo. O concelleiro de Formación e Emprego tamén declarou que “a este respecto no Concello de Mos temos o handicap da falla de alfabetización dixital entre a maioría da poboación, por iso para facilitarlles o labor da búsqueda dixital de emprego ós veciños e veciñas de Mos, dende a Axencia de Colocación poñemos a disposición de tódolos interesados equipos informáticos e conexión Wi-fi a Internet na Axencia de Colocación de luns a venres en horario de 09.30 horas a 13.00 horas”.

Pola súa banda Arévalo, rexedora local mosense, fixo referencia á dureza da situación de desemprego para as persoas que a sufren en primeira persoa e insistiu en que “dende o Concello de Mos traballamos duramente para que mes a mes as cifras do paro diminúan no noso municipio”. Asimesmo animou ós desempregados a continuar participando en accións formativas e destacou a importancia do traballo conxunto en materia de emprego dende as concellerías de Educación e Participación Cidadá e Formación e Emprego. Por último, a alcaldesa anunciou que nos próximos meses o Concello de Mos iniciará, gracias ó apoio da consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, dous novos Obradoiros Municipais de Emprego, un Plan Estratéxico de Emprego e varios cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) que permitirán á administración local mosense continuar a loitar activamente contra o desemprego no termo municipal.

Tras a presentación desta mañá tivo lugar un taller formativo sobre Linkedin, que contou coa colaboración do Servizo IOBE do Concello de Vigo, e foi impartido por Xosé Alberte Cea. Tratouse dun obradoiro que perseguía o obxectivo de mellorar as competencias dixitais para a busca de emprego, de maneira específica na rede social e profesional Linkedin (novas formas de busca de emprego). A hora de comezo do taller foi a partir das 10.00 horas, e, tras o remate do obradoiro, impartiuse unha sesión sobre “Como elaborar o teu currículo”.

A concellería de Formación e Emprego que dirixe o edil Óscar Soto deseñou unha estratexia de fomento do emprego a desenvolver durante o presente ano 2015 en colaboración co departamento municipal de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón.

Este programa leva por título “TraballaMOS polo teu Futuro” e inclúe accións de fomento do emprego organizadas mensualmente. As actividades previstas próximamente dentro deste programa son un curso intensivo de inglés e a ponencia de Javier Cebreiros, Doctorando en Comunicación. Graduado en Dirección de Empresas e máster en Investigación en Comunicación.

A concellería de Educación e Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón organiza o curso intensivo de inglés para a preparación das probas de nivel para a obtención do First e/ou B2, que se levará a cabo dende o vindeiro mes de marzo a maio de 2015. As probas de obtención do First e/ou B2 convócanse habitualmente no mes de xuño.

A frecuencia das clases será de dous días semanais por grupo cunha duración de cada clase de 90 minutos, o que veñen a sumar unha carga lectiva de 12 horas mensuais por cada grupo. O curso comezará o día 2 de marzo e dividirase en dous grupos, o grupo 1 recibirá as clases os martes e xoves de 19:30 horas a 21:00 horas e o grupo 2 os luns e mércores tamén de 19:30 horas a 21:00 horas. As clases impartiranse na Axencia de Colocación.

Os/As beneficiarios/as directos/as deste programa serán tódolos/as mosenses interesados/as na aprendizaxe do idioma maiores de 16 anos. Indirectamente os mozos e mozas doutros municipios que estean interesados nesta programación. Teñen preferencia as persoas empadroadas no Concello de Mos. Establécese un mínimo de 8 persoas por grupo e un máximo de 15.

O prazo de inscrición na actividade rematará mañá xoves 26 de febreiro. Os interesados en inscribirse deberán presentar a solicitude cuberta e asinada xuntando fotocopia do DNI. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello. A publicación da lista de admitidos realizarase o venres 27 de febreiro. O curso suspenderase de non acadarse o número mínimo 8 participantes.

A actividade será levada a cabo por unha monitora Licenciada en Filoloxía Inglesa.

A conferencia de Javier Cebreiros versará sobre a tendencia ás redes sociais, a importancia dos contactos no mundo laboral, a gran cantidade de presentacións e actos de networking fan que desenvolvelas sexa determinante, e todo pasa por algo: só mellorarás na medida en que desexes facelo. Esta ponencia trata precisamente, de espertar o líder que todo levamos dentro e motivalo para mostralo cada día.

En base a isto, dende a Concellería de Educación e Participación Cidadá xunto coa Axencia de Colocación, preocupadas pola situación de desemprego, procuran crear iniciativas que respondan a estas necesidades e por iso organizaron a ponencia titulada “¿Es un líder? Se queres, ¡SÍ!”, unha actividade dirixida ó desenvolvemento de actitudes para o liderazgo, e incremento das posibilidades de contratación, a cargo do especialista en comunicación Javier Cebreiros. Os obxectivos da mesma son mellorar a capacidade de liderazgo para incrementar as posibilidades de contratación, orientar para motivar na acción ós asistentes, facilitar a comprensión de tres conceptos clave para o mercado laboral en relación ás nosas habilidades sociais e concienciar ós asistentes do liderazgo que teñen no seu interior.

Esta charla vai especialmente enfocada cara a estudantes e desempregados con idades entre os 18 e os 30 anos, aínda que tamén dirixida a tódolos públicos, co fin de mellorar a capacidade de liderazgo. O día de celebración da mesma será o vindeiro 5 de marzo, dende as 19:00 ata as 20:00 horas e realizarase nas instalacións da Axencia de Colocación do Concello de Mos.

Deja un comentario