+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

CUBELA FIXA O REMATE DA REHABILITACIÓN DOS BAÑOS DO SAN XUSTO PARA FINAIS DE 2020 TRAS A ADXUDICACIÓN DA OBRA


 Vaise converter a antiga minicentral en balneario, recuperar os muíños como saunas, crear un espazo para hostalaría e mellorar os accesos

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou na xornada de hoxe que a recuperación paisaxística e a rehabilitación integral das augas termais e dos Baños do San Xusto estará completamente rematada a finais do vindeiro ano 2020 despois de que o Concello formalizara o contrato de obras tras aceptar a proposta de adxudicación do concurso público por parte dos servizos técnicos a prol da empresa Coviastec por 590.000 euros.

Esta ambiciosa actuación saiu a licitación, tras a redacción do proxecto por parte da arquitecta Cristina García Fontán, por un importe de 684.000 euros que foron xestionados polo rexedor local coa Consellería de Medio Ambiente ao abeiro do primeiro Pacto Pola Paisaxe de Galicia. Despois de afrontar a fase administrativa da licitación este verán, a semana pasada aprobouse a proposta de adxudicación, cunha baixa do 6% sobre o orzamento máximo, e esta mesma formalizouse o contrato.

Agora comezarán todos os preparativos para asinar a acta de replanteo e dar comezo ás obras, que teñen certa complexidade ao tratarse dunha zona de río con gran valor patrimonial, no derradeiro trimestre deste ano. En principio, e tal e como anunciou o rexedor, agárdase que estean rematadas a finais do próximo exercicio, xa que adxudicataria ofertou doce meses como prazo de execución.

“Estamos ante un momento histórico, xa que, tras moito esforzo de negociacións e de conseguir os case 600.000 euros, vimos de rematar a parte administrativa e xa nos queda agardar impacientes a que comecen as obras para recuperar un espazo moi importante da nosa historia e do noso patrimonio”, manifestou Cubela, que indicou que, se todo vai ben, as pozas e espazos públicos xa poderán ser empregados polos veciños antes de que remate 2020.

Balneario, saunas e hostalaría

O proxecto consiste na rehabilitación da antiga minicentral, os edificios e as bañeiras, así como na recuperación dos muíños e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna, na que se poderá gozar dos beneficios das augas termais a través de pozas públicas ao aire libre. “É un proxecto moi completo e ben deseñado que vai servir para poñer en valor esta emblemática

zona, recuperar o noso pasado e contar cun novo e importante atractivo turístico que vai achegar moita xente ao noso municipio”, concluiu Cubela.

Así, plantéxase a rehabilitación da antiga minicentral como balneario para o uso de augas sulfurofluoradas, a recuperación dos catro muíños e da casa do muiñeiro para a súa conversión en saunas e as edificacións anexas para locais de hostalaría, aínda que tamén haberá espazos de lecer con plataformas de madeira, fontes cubertas para poder beber as augas, posta en valor de todos os elementos patrimoniais e etnográficos e mellora dos accesos e a urbanización.

Tamén vaise proceder a unha reordenación da zona, mantendo as antigas bañeiras ou reconstruíndoas a partires das súas propias trazas co obxectivo de que poidan ser empregadas de xeito libre. Esta zona de entrada tamén verá mellorada a súa fonte, os seus accesos e a vexetación co obxectivo de que a auga sexa a gran protagonista.

Deja un comentario