+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019

A XUNTA ANALIZA NUN INFORME A SITUACIÓN DAS MULLERES NO SECTOR AUDIOVISUAL E DAS ARTES ESCÉNICAS


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentaron este informe, realizado en colaboración co Consello da Cultura Galega
A Xunta vén de presentar un informe no que se analiza a situación das mulleres no sector do audiovisual e das artes escénicas en Galicia. Este estudo é froito dun convenio asinado entre a Vicepresidencia, a Consellería de Cultura e Turismo e o Consello da Cultura Galega que dá resposta a unha demanda das principais asociacións vinculadas ao sector escénico.
No acto de presentación participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Tamén tomaron parte a secretaria do consello, Dolores Vilavedra, e o técnico do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares. Así mesmo, asistiu o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
A finalidade do informe é analizar as principais características do emprego, en relación a súa estabilidade laboral, tempo traballado ou salarios; e estudar como discorre a vida laboral das mulleres en ambos sectores. Trátase do primeiro estudo que analiza en Galicia a situación sociolaboral da muller no ámbito das artes escénicas e no audiovisual e un dos poucos elaborados en toda España que aborda este aspecto.
En Galicia, os profesionais que traballan no sector audiovisual e das artes escénicas están conformados por un 42% de mulleres e un 58% de homes.
Segundo os datos recollidos no informe, detéctase en ambos sectores que as mulleres padecen unha maior discriminación pola idade; que os postos de mando seguen sendo maioritariamente masculinos; que existen obstáculos para a conciliación da vida laboral e persoal; e que aínda persisten certas actitudes de acoso cara as mulleres.
Así, por exemplo, detéctase unha maior tendencia a contratar mulleres novas (o número de primeiras afiliacións realizadas aos menores de 30 son máis frecuentas nas mulleres -70%-, que de homes -61,6%-). Ademais, a presenza de mulleres vaise reducindo a medida que teñen máis idade e, pasados os 45 anos, chega a unha descompensación de arredor de 25 puntos.
Todas as profesionais entrevistadas manifestaron que existen diferenzas entre sexos á hora de acceder a un emprego. Por exemplo, as historias adoitan xirar arredor dun protagonista masculino, aínda que esta é unha tendencia que está comezando a mudar. En consecuencia, os papeis das mulleres son máis breves e de menor categoría. Isto supón unha maior experiencia laboral dos homes que, a súa vez, permite que teñan máis oportunidades e un acceso máis fácil a postos de poder. O mesmo sucede no sector audiovisual, onde moitas profesións, especialmente as máis técnicas, aínda están moi masculinizadas, polo que de novo volven ser os homes os que conseguen acceder a máis postos de mando no sector.
En canto á conciliación, moitas mulleres das artes escénicas manifestan que tiveron que renunciar a proxectos ou ben se viron forzadas a incorporarse antes de tempo polas dificultades que pode implicar quedarse fóra dos circuítos. No ámbito audiovisual, as mulleres tamén denuncian a falta de conciliación como unha barreira, que chega a ser un factor para renunciar a ascensos.
Xa en referencia ao acoso ou á discriminación, as mulleres de ambos sectores denuncian principalmente comportamentos machistas ou paternalistas, desprezo, sexualización ou misoxinia.
Con todo, hai que ter en conta tamén que a tendencia xeral que se extrae da análise cualitativa e cuantitativa é que se están a producir cambios e que son positivos. Aínda que queda por confirmar se estas transformacións son ou non definitivas, é seguro que se tomou conciencia das desigualdades entre xéneros nos sectores das artes escénicas e do audiovisual, dous eidos estratéxicos polo poder do seu discurso e de creación do imaxinario que teñen.
Ademais, estes resultados amosan un punto de partida de cara a próximas intervencións e liñas de actuación por parte do Goberno galego co fin de mellorar a situación das mulleres en diálogo coas principais entidades e asociacións do sector.
Elaboración do informe
Para elaborar esta análise, analizáronse estudos sobre o ámbito laboral da cultura con perspectiva de xénero nos contexto estatal e autonómico; a mostra continua de vidas laborais, do Instituto Nacional de Estatísticas; e realizáronse entrevistas a profesionais dos sectores.

Deja un comentario