+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA DÁ INICIO A OUTROS CATRO ANOS DE COOPERACIÓN E LEALDADE INSTITUCIONAL DA DEPUTACIÓN, “COMO NUNCA SUCEDEU”, CO CONCELLO DE PONTEVEDRA


A presidenta da Deputación afirma estar “encantada das relacións institucionais, pero tamén persoais, que temos acadado” procedendo os máximos responsables de ámbalas dúas institucións de dous partidos políticos distintos

Miguel Anxo Fernández Lores está satisfeito da estabilidade “que permite avanzar” e agradece a colaboración da Deputación “porque fai que un alcalde poida planificar as cousas doutra maneira”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu hoxe ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha xuntanza de traballo que serviu para abrir outra etapa de colaboración entre ámbalas dúas institucións ao comezo deste novo mandato municipal. Silva cualificou o encontro como “imprescindible” e destacou que Pontevedra é unha cidade “moi relevante na nosa provincia coa que a Deputación ten a obriga de ter unha óptima (non digo boa) relación”.
Ao facer balanzo dos catro anos anteriores, a presidenta subliñou que o nivel de lealdade institucional “ten sido excelente porque baseouse no respecto e iso non é habitual nestes tempos”. O clima de confianza quedou patente coa presencia tamén do vicepresidente provincial, César Mosquera, invitado expresamente pola presidenta. A xuntanza, que durou algo máis de media hora, estivo marcada pola decisión de que nin sequera será necesario asinar un protocolo de colaboración, como si se fixo no ano 2015, porque a presidenta da Deputación xa se comprometeu a dotar unha partida fixa anual nos orzamentos provinciais aos que imputar os futuros convenios entre ambas partes.
Carmela Silva deixou claro que esta colaboración bilateral “e de xeito puntual cos concellos de Vigo e Pontevedra, que son as dúas grandes cidades da provincia, non acontecera nunca”. Silva amosouse “encantada” da relación institucional, “pero tamén persoal que temos acadado”, tendo en conta que os máximos responsables de ámbalas dúas institucións proceden de partidos políticos distintos.
A presidenta provincial repetiu que a relación institucional funciona correctamente porque a Deputación, como Administración intermunicipal, parte dunha postura que dá valor á autonomía local, “respectando as decisións que o Concello de Pontevedra pon enriba da mesa, sen esquecer que foi o Goberno local pontevedrés quen tivo o beneplácito e o apoio da cidadanía”.
De acordo co pacto alcanzado, a Deputación reservará os recursos comprometidos nos seus Orzamentos anuais e os convenios asinaranse “cando os proxectos estean maduros e o alcalde considéreo oportuno”. Neste punto pediu comprensión pola complexidade administrativa que supón tramitar asuntos que implican informes sectoriais doutras Administracións e garantiu que a Deputación comportarase sempre coa “flexibilidade” necesaria para continuar a ser unha aliada estratéxica do Concello de Pontevedra.
Carmela Silva deixou a Miguel Anxo Fernández Lores, como alcalde, a enumeración das cuestións que, en principio, poderían ser obxecto de sinatura de convenios ao longo do próximo mandato, entre as que Lores enumerou a mellora no barrio de Mollavao, a rede viaria de Montecelo, o pavillón de ximnasia da Parda e mesmo a celebración das Series Mundiais de Triatlón. Fernández Lores quixo recalcar a colaboración entre a Deputación e o Concello é froito da estabilidade: “Aquí hai un Goberno que vén de hai catro anos; volve haber un Goberno semellante, e a estabilidade é positiva para avanzar”. “Para un alcalde ou unha alcaldesa saber que dispón dunha contía económica segura durante o mandato permite planificar as cousas doutra maneira”, congratulouse, “e se ademais utilizamos os mecanismos de xestión que a Deputación ten sobre infraestruturas viarias, moitísimo mellor”.
O vicepresidente César Mosquera amosouse satisfeito polo encontro mantido hoxe. Asegurou que a relación entre a Deputación e o Concello de Pontevedra funciona con fluidez, lembrando que xa no ano 2015 se establecéronse mecanismos de funcionamento que permiten que o Goberno local realice actuacións cos cartos que lle corresponden da Deputación con total autonomía: “O marco de relación está moi clariño e hai vontade de sostelo porque funciona extraordinariamente ben”, dixo.
Tamén sinalou que ademais de poñer a disposición os cartos que corresponden a Pontevedra “con axilidade”, a Deputación coopera nas tramitacións de proxectos, realizando xestións administrativas que simplifican os proxectos acurtándoos no tempo. Como exemplo puxo o caso da reforma de Mollavao que, de tramitarse por vía urbanística ordinaria, demoraría “sete, oito, nove ou dez anos”. Por último, Mosquera salientou que “estas colaboracións dignifican ás institucións máis alá de quen as goberna para que a cidadanía poida ver que se sacan as cousas adiante”.

 

A presidenta da Deputación explicou que a colaboración económica prevista volverá estar nos 10 millóns de euros ao longo do mandato municipal, pero recalcou que o importe total que a Deputación inviste en Pontevedra é moi superior, pois, “considerando que esta é unha cidade moi, moi importante” tamén hai actuacións en vías provinciais e distintos programas en áreas de competencia provincial nos ámbitos culturais, sociais, deportivos ou de igualdade. Silva engadiu que en moitas ocasións os investimentos que se fan en Pontevedra redundan na cidadanía de boa parte da provincia, como sucede nas melloras nos accesos a Montecelo, un centro sanitario que é referencia para case 300.000 persoas.
Ao longo do pasado mandato 2015-2019 a Deputación asinou convenios para a mellora das redes de saneamento en Mourente, Bora e o río dos Gafos; instalación de herba sintética nos campos de fútbol de Cerponzóns e Santa María de Xeve; nova vía de acceso a Monte Porreiro, Ronda Leste; melloras en estradas municipais; campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio; centros sociais de O Burgo e de Os Campos; Campionato de Europa de Piragüismo 2016; Campionato do Mundo de Balonmán junior; actividades artísticas, culturais e de promoción da cidade; acondicionamento das oficinas municipais na rúa dos Ferreiros; Multisport Triathlon e, finalmente, instalación de iluminación ornamental nas pontes de Pontevedra.
A maiores dos convenios, a Deputación investiu 590.000 euros en obras de mobilidade en estradas provinciais de Xeve, Marcón, Mourente e Monte Porreiro; contratou asistencias técnicas por valor de 570.000 euros para proxectos en execución; destinou 400.000 euros do Plan Móvese para seguridade viaria e fixo actuacións de conservación de firmes, sinalización, limpeza e corta de broza próximas aos 700.000 euros. Finalmente, a Deputación colaborou en 102 actividades deportivas, outorgou 389 axudas a deportistas e clubs e dispón de convenios co Pontevedra C.F., Sociedade Ximnástica, Tenis de Mesa Monte Porreiro e Sociedade Deportiva Teucro.

Deja un comentario