+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Novembro de 2019

MORAÑA PON EN MARCHA UN NOVO PROGRAMA ESCOLAR DE FOMENTO DA IGUALDADE E ERRADICACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO


 “As mensaxes da árbore da igualdade” incluirá a elaboración de 470 lemas personalizados, plantación de árbores e placas e formación

O Concello de Moraña acaba de poñer en marcha un novo programa escolar de fomento da igualdade e erradicación da violencia de xénero que se presenta baixo a denominación de “As mensaxes da árbore da igualdade” e que chegará aos case 500 cativos do municipio e a toda a comunidade educativa.

Este proxecto pretende dar continuidade ao traballo feito o pasado ano co “Libro Violeta das Nenas e dos Nenos de Moraña” que incluiu, aparte da elaboración do seu contido polos rapaces do CPI Santa Lucía, a plantación dunha simbólica árbore no patio do centro.

Partindo desta idea, o Servizo de Igualdade de Moraña vai extender a iniciativa, cofinanciada pola Deputación, ás tres escolas unitarias, Souto, Amil e Espedregueira, e á gardería pública A Galiña Azul co obxectivo de acadar a máxima participación e seguir fomentando e promovendo a igualdade dende a infancia.

Así, en todos os centros promoverase que os cativos elaboren individualmente 470 mensaxes e lemas personalizados sobre a equidade e a loita contra a violencia de xénero durante as vindeiras seis semanas. Posteriormente, e xa co gallo do 25 de Novembro, realizarase unha plantación de catro árbores nos centros que se incorporan ao programa e instalarase ao seu carón –incluíndo neste caso tamén a arbore plantada no CPI o pasado curso– unha placa identificativa para reforzar os obxectivos. Paralelamente, desenvolveranse actividades formativas e de sensibilización en todos os centros.

Obradoiros de Servizos Sociais

Por outra banda, e tamén dende Servizos Sociais, esta mesma semana vanse iniciar novos obradoiros, que darán continuidade ao de terapias termais para persoas con discapacidade. Así, mañá arrancará o de Relaxación Física e Mental, que se desenvolverá os martes na Casa da Cultura, e o xoves día 10 o do Círculo das Mulleres

 

de Moraña. Este último contará con sesións semanais ata o vindeiro 21 de novembro e a súa temática tamén está relacionada co empoderamento feminino, o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero.

Deja un comentario