+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019

MEDIO AMBIENTE QUINTUPLICOU OS CONCELLOS BENEFICIADOS POLO PROGRAMA DE REHABILITACIÓN DE VIVENDAS DE MESTRES EN TRES ANOS


Ángeles Vázquez subliña a importancia desta liña de subvencións, que axudou a mobilizar 87 vivendas de titularidade municipal para aluguer en 32 municipios
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda axudou a unha trintena de concellos nos últimos tres anos a recuperar e rehabilitar para destinalas a aluguer 87 antigas vivendas de mestres e outros oficios de titularidade municipal. Así o subliñou esta mañá durante unha visita a Oia a conselleira Ángeles Vázquez, quen recoñeceu a súa satisfacción co funcionamento deste programa, xestionado a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e que cada ano esperta unha maior aceptación e interese entre os concellos de menos de 20.000 habitantes aos que vai dirixido.

O éxito destas axudas reflíctese na súa propia evolución nos últimos tres anos, nos que practicamente se quintuplicou a cifra de entidades locais beneficiarias. Así, se en 2017 foron catro os concellos nos que se actuou a través desta novidosa liña de axudas, ao ano seguinte a cifra elevouse ata 15 e xa na última convocatoria, correspondente ao actual exercicio, foron 18 os municipios que se acolleron á subvención.

O Concello de Oia, que tamén está adherido ao programa de vivendas baleiras da Xunta, foi un dos beneficiarios da orde de axudas para a rehabilitación das chamadas casas de mestres, outros oficios e edificios de titularidade municipal convocada en 2018. Neste sentido e tras comprobar o resultado dos traballos realizados en dúas vivendas do barrio de Loureza, Ángeles Vázquez explicou que grazas á subvención de 74.500 euros concedida polo seu departamento para financiar esta actuación, dúas familias de Oia poderán acceder ás mesmas cunhas condicións de aluguer moi vantaxosas.

“Quero poñer en valor a importancia desta liña de axudas para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal xa que permite que as entidades locais, con menor poder adquisitivo, poidan acometer actuacións desta envergadura”, declarou a conselleira, que salientou tamén os 3,2 millóns de euros mobilizados pola Consellería de Medio Ambiente a través das tres últimas convocatorias do programa de vivendas de mestres, incrementando sempre as partidas destinadas ao mesma con respecto á anualidade anterior.

En todo caso, Vázquez Mejuto incidiu en que esta liña de subvencións non é a única que pon o IGVS nestes momentos a disposición dos concellos. Deste xeito, referiuse aos préstamos que se ofertan a través do Fondo de Cooperación, uns cartos que os concellos poden destinar á compra de novos inmobles para rehabilitar ou ben a completar a totalidade do orzamento necesario para recuperar vivendas que xa son da súa titularidade.

O obxectivo da Xunta, engadiu, pasa por fomentar a creación dun parque de vivenda pública en aluguer municipal para que, incluso aqueles concellos con menos recursos e orzamento, poidan ofrecer aos seus veciños inmobles axeitados para convertelos no seu fogar.

Por último, a conselleira enmarcou estes esforzos por axudar ás entidades locais a financiar a recuperación de vivendas de titularidade municipal no espírito da nova Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación urbana, a primeira destas características coa que conta a comunidade e que entrou en vigor o pasado 22 de maio.

Así, lembrou que o obxectivo básico desta norma é loitar contra o abandono e o desuso do patrimonio xa construído, ofrecendo as ferramentas máis axeitadas para potenciar a súa rehabilitación pola vía da simplificación administrativa e da creación de novos instrumentos, como as áreas Rexurbe, que permitirán ofrecer unha resposta integral á situación que presentan os ámbitos urbanos especialmente degradados e que precisan dunha rápida intervención para garantir a súa reactivación.

Deja un comentario