+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

MORAÑA ACTUARÁ NOS VESTIARIOS DAS PISCINAS, O LOCAL CULTURAL DA CHAN, OITO LAVADOIROS E DOUS SENDEIROS CO OBRADOIRO DE EMPREGO


O módulo de Albanelería modernizará os dous edificios e restaurará fontes en Soar, Silvoso, A Penagrande, Vilacoba e Torre de Arriba

 

O Concello de Moraña xa ten lista a memoria de actuacións en infraestruturas e servizos públicos que se desenvolverán co Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV, recentemente concedido pola Xunta, e entre as mesmas figuran a modernización dos vestiarios das piscinas municipais e do local cultural da Chan de Amil, a restauración de oito fontes e lavadoiros e o acondicionamento de dous sendeiros fluviais.

Esta nova iniciativa laboral, que ao igual que as anteriores compartirase co Concello de Valga e que nesta ocasión vai estar centralizada en Moraña, vai contar cunha vintena de alumnos-traballadores seleccionados entre veciños en situación de desemprego que desenvolverán as súas tarefas formativas e laborais nos módulos de Albanelería e Forestal. A Xunta vai investir 336.000 euros para despregar o obradoiro, incluíndo a súa fase de prácticas, durante nove meses.

Ademais de mellorar a empregabilidade dos participantes, esta actividade vai beneficiar a moitos servizos e infraestruturas de Moraña, xa que está previsto que o módulo de Albanelería actúe no edificio dos vestiarios das piscinas municipais, que vén de ser visitado pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, coa construción dunha beirarrúa de acceso e a renovación de todos os materiais e os seus interiores.

Así mesmo, tamén se vai a favorecer a accesibilidade do local cultural da Chan de Amil con obras no seu exterior e interior e coa creación dun aseo de fácil acceso e se van a restaurar os lavadoiros da Penagrande, Fonte de Riba (Soar), Fonte do Medio ou do Mallo (Soar), Fonte de Baixo (Soar), Silvoso, Vilacoba, Lago de Fóra (Torre de Arriba) e Pinal (Torre de Arriba).

Pola súa banda, o módulo de Forestal vai dar continuidade á senda que se comezou a crear na anterior edición do obradoiro e que discorre á beira dos regos de Catañosa e Gundeiro polas parroquias de Amil, Rebón e San Lourenzo e tamén vai comezar coa limpeza e acondicionamento doutra pola zona de Cornide entre as parroquias de Saiáns e Gargantáns.

Deja un comentario