+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

MEDIO AMBIENTE IMPULSA UN PROXECTO PILOTO EN VALGA BASEADO NA PREPARACIÓN PARA A REUTILIZACIÓN E A REPARACIÓN DE APARELLOS


A iniciativa busca reducir a xeración de residuos municipais e enmárcase no programa de actuacións da Xunta para crear unha rede galega con este mesmo fin
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, está a impulsar un proxecto piloto para poñer en marcha un novo espazo municipal no Concello de Valga destinado á reparación e ao intercambio de aparellos, obxectos e materiais, coa habilitación de talleres formativos e de sensibilización para a cidadanía.

Precisamente, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, visitou esta mañá o Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) de Valga para coñecer de primeira man os traballos que se están a efectuar no mesmo para proceder á próxima apertura do novo espazo municipal. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa de actuacións que está a desenvolver o departamento autonómico co fin de crear unha rede galega para a preparación para a reutilización e a reparación.

O espazo municipal de autorreparación e intercambio, promovido pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración co Concello de Valga, desenvólvese dentro do CODI, promovendo así, á vez, a integración social de persoas con algunha discapacidade.

O obxectivo, tal e como lle trasladaron á directora xeral durante a visita, é que as novas instalacións abran as súas portas o vindeiro xoves, 10 de outubro, para que os veciños e veciñas da vila pontevedresa poidan iniciarse nas actividades de reutilización grazas á asistencia de monitores especializados, dándolles así unha nova vida aos seus aparellos e obxectos domésticos coa fin de evitar que acaben convertidos en desperdicios.

Tres espazos diferenciados
Nunha primeira fase, o CODI de Valga acollerá tres espazos para reparación de mobles de madeira, materiais téxtiles e pequenos electrodomésticos, con talleres formativos específicos, así como un punto de intercambio gratuíto de bens de todo tipo.

Paralelamente, realizarase unha campaña de comunicación dirixida ao público familiar a través de redes sociais e da web específica que ten o proxecto, na que os cidadáns poderán acceder tanto a unha base de datos con soporte cartográfico que pon á súa disposición os puntos máis próximos en Galicia aos que dirixirse para reparar os seus aparellos, como descargar materiais formativos para aprender a desenvolver accións de reparación. Ademais, a través da mesma páxina web disporán dunha aplicación para inscribirse, de forma gratuíta, nos talleres abertos no espazo de reutilización e preparación para a reutilización do CODI de Valga.

Cómpre lembrar que este proxecto está enmarcado dentro do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) 2010–2022, que desenvolve un programa de accións coa finalidade de mellorar a xestión dos residuos domésticos e avanzar cara ao modelo de economía circular. Entre os eixes principais de actuación do programa, todas as iniciativas encamiñadas cara á prevención na xeración de residuos teñen un carácter preferente.

Así mesmo, con este conxunto de accións o departamento autonómico dotará ás entidades locais galegas de ferramentas que lles permitan avanzar no cumprimento dos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe establecidos na recente modificación da Directiva Marco de Residuos da UE.

De acordo con este cambio, ao obxectivo de reciclar o 50% dos residuos xerados en 2020, sumaranse outros novos, como que a cantidade de residuos reciclados deberá ser do 55% no ano 2025, do 60% de aquí a 2030 e do 65% en 2035. Ademais, obrígase tamén aos Estados membros a implantar a recollida separada da fracción orgánica dos residuos domésticos –unha competencia municipal- antes do 31 de decembro do ano 2023.

Deja un comentario