+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

CARBALLEDO CELEBRA AS VODAS DE OURO DA SÚA FEIRA MENSUAL CUNHA EDICIÓN ESPECIAL POLA FESTA DO PILAR


Haberá máis dunha vintena de postos de alimentación, roupa, calzado, artesanía, apeiros e produtos de fogar e unha polbeiría

A localidade de Carballedo vai celebrar as vodas de ouro da súa feira mensual, posta en marcha polo goberno local en xullo de 2016, cunha edición especial pola Festa do Pilar que terá lugar este venres 11 de outubro pola mañá na Praza da Chan. O mercadiño, que acadará deste xeito as 50 edicións, foi presentado polo tenente de alcalde Fernando Vázquez, que destacou a súa importancia para seguir afondando na dinamización económica e social do municipio.

A feira vai manter o mesmo formato das edicións periódicas que se celebran os segundos venres de cada mes e contará, dende primeira hora da mañá, con máis dunha vintena de postos de roupa, calzado, alimentación, artesanía, produtos e pezas de fogar, apeiros ou plantas, entre outros, así como con polbeiría a cargo de A Fuchela, do municipio ourensán do Carballiño.

O mercadiño ten unha periodicidade regular mensual e, de cando en vez, acolle edicións especiais con motivo da Pascua, o Nadal ou outras épocas sinaladas, o que permite que este venres, en apenas pouco máis de tres anos dende a súa posta en marcha, cumpra 50 edicións.

O tenente de alcalde amosou a súa satisfacción pola evolución destas feiras e polo paseniño pero constante incremento de público que están a rexistrar ata converterse nun fito na vida socioeconómica da vila que é moi agardado por moitos veciños e visitantes. Ademais, expresou a súa confianza en que a Feira do Pilar sexa das máis concorridas do ano e convidou a todos os veciños a acudir para gozar dunha xornada de compras e relación social.

Deja un comentario