+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

A XUNTA DE GOBERNO MOSENSE APROBA O EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN DA MELLORA DA SEGURIDADE VIAL EN INXERTADO


Mañá celebrarase a sesión na que se abordará o procedemento de contratación da obra de optimización da Estrada Alto de Barreiro-Santiaguiño

O concelleiro de Contratación mosense, Alberto Méndez, informou de que mañá será aprobado pola Xunta de Goberno Local o expediente de contratación da obra de mellora da seguridade viaria na Estrada Alto de Barreiro-Santiaguiño ao seu paso por Inxertado, parroquia de Louredo. Por este vial transcorre parte do tramo do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso por Mos.

A actuación, incluída no Plan Concellos, ten como obxectivo a mellora da seguridade viaria na Estrada Alto de Barreiro-Santiaguiño dende a capela do Santiaguiño ata o Camiño de Eira Grande. Trátase dunha obra moi necesaria debido ao deteriorado estado dos pavimentos, ocasionado pola acometida da rede municipal de saneamento e as roturas das canalizacións das traídas veciñais de auga que contan con máis de 20 anos de antigüidade e ocasionan a realización de reparacións e reposicións de asfalto puntuais.

A lonxitude do tramo a optimizar ascende a 940 metros e as obras a realizar serán: regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración; recrecido, que consistirá na extensión dunha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, tipo formigón bituminoso de 5 cm de espesor, con áridos de desgaste estendida e compactada; e previa a extensión de dita capa, realizarase unha limpeza e barrido da superficie, para a posterior aplicación do rego de adherencia con emulsión asfáltica. Asemade, será necesario o recrecido das tapas das arquetas e dos pozos. Tamén será preciso pintar un paso de cebra existente.

O orzamento de execución por contrata, incluído o IVE, ascende a cantidade de 100.114,61 euros.

Posto que o Concello de Mos ten como obxectivo que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria, cada ano realiza un Plan Anual de Mellora de Viais Municipais acometendo unha batería de asfaltados de estradas e camiños.

A necesidade do contrato da mellora en Inxertado fundaméntase no obxectivo do mantemento do viario municipal en óptimas condicións para garantir así a seguridade viaria tanto de condutores coma de peóns. Polo que dende o Concello promóvese a devandita mellora. O procedemento de contratación realízase por procedemento aberto simplificado.

Deja un comentario