+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

PIÑEIRO FIXA PARA O NADAL A APERTURA E POSTA EN MARCHA DO NOVO CENTRO SOCIOCULTURAL NO REHABILITADO ANTIGO MERCADO DE MORAÑA


A alcaldesa sinala, na visita do deputado provincial Carlos López, que agora só resta instalar o equipamento e urbanizar o exterior

 

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, fixou a apertura e posta en funcionamento do novo centro sociocultural multiusos de Santa Lucía no rehabilitado antigo mercado para o Nadal, xa que a recuperación integral do edificio está rematada e agora só resta proceder á instalación do equipamento, o mobiliario e a decoración e á urbanización e humanización exterior.

A rexedora, que acompañou esta mañá ao deputado provincial Carlos López a un percorrido pola obra xa rematada, explicou que, cos prazos que se manexan para estas actuacións pendentes e coa importancia que ten a programación de Nadal no municipio, vaise facer o posible para ter todo listo nuns 45 días co obxectivo de que o edificio abra ao público antes do Nadal.

Luisa Piñeiro explicou que a humanización do exterior e integración coa Carballeira de Santa Lucía, que vai ser financiada polo Concello con 50.000 euros, vaise adxudicar nestes días e conta con 30 días de prazo de execución, mentres que o equipamento, con sistemas de son, vai ser sufragado pola Xunta tamén cun orzamento duns
50.000 euros.

Deste xeito, culminarase a rehabilitación do antigo mercado, que a alcaldesa calificou como “un soño que tiña dende hai tempo para recuperar para a cidadanía un espazo emblemático do noso concello”. No mesmo vanse investir finalmente máis de 1,2 millóns de euros, xa que aos 100.000 euros pendentes hai que engadir 711.000 aportados pola Deputación da liña de subvencións para investimentos en dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial, 177.000 de aportación municipal que foron detraídos do Plan Concellos e outros 250.000 que aportou a Xunta de Galicia para a reposición e renovación integral da cuberta.

A actuación contemplou a restauración integral do edificio respectando e mantendo a súa fachada tradicional cara a carballeira e habilitando no seu interior un amplo

 

auditorio con 173 prazas, dúas aulas formativas, un patio cuberto para actividades de lecer, unha zona polivalente orientada especialmente á terceira idade e estancias para servizos, como aseos, despachos, zona de control e cafetería, todo elo cumprindo cunha accesibilidade global.

“Creo que a colaboración entre todas as administracións foi clave para que esta obra saira adiante e hoxe, que nos acompaña o deputado Carlos López, quero agradecer a aportación da Deputación para facer realidade un edificio que vai ser fundamental para atender de xeito acaído as necesidades da vida social e cultural dos nosos veciños, que van contar cunha infraestrutura de primeiro nivel”, rematou.

Deja un comentario