+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARLOS LÓPEZ FONT VISITA O NOVO CENTRO SOCIOCULTURAL MULTIUSOS QUE A DEPUTACIÓN FINANCIOU EN MORAÑA


O deputado destacou que a esperadísima rehabilitación do edificio do antigo Mercado de Abastos “pon en valor o noso compromiso coa veciñanza de Moraña”

O deputado provincial Carlos López Font visitou hoxe, xunto coa alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, o novo centro socioculturural multiusos, construído a partir da rehabilitación integral do antigo Mercado Municipal e financiado integramente pola Deputación de Pontevedra ao través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos. Font lembrou que trátase dunha obra “longamente esperada pola veciñanza de Moraña“ e sinalou que cando un entra nas novas instalacións “queda absolutamente marabillado”.
Para o deputado provincial “esta actuación vén a poñer moi en valor o compromiso da Deputación coa provincia en xeral pero, neste caso, coas veciñas e veciños da vila, porque a realidade económica é que unha actuación deste tipo, co orzamento normal e a capacidade de actuación dun concello como Moraña, sería imposible”. O deputado provincial destacou as características da obra en materia de accesibilidade “hoxe temos que pensar na accesibilidade e hai normas de obrigado cumprimento”. O multiusos é, deste xeito, accesible en todas as súas instalacións. De feito, mesmo a zona do escenario está dotada de ascensor, tal e como sinalou o deputado, “por se actúa unha persoa con discapacidade funcional ou sobe a recoller un premio”.
O deputado afirmou que este é “un proxecto certamente sobresaínte en todo o que significa integración, luminosidade e vistosidade do edificio” e que “agora só falta que as veciñas e veciños de Moraña gocen del, o que será unha satisfacción compartida entre o goberno municipal e o goberno provincial”. López Font indicou que esta actuación é “unha integración do que era un mercado municipal de 1950 do que se conservou a súa estrutura e adaptouse perfectamente ao que se pretendía”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Moraña sinalou que “un edificio tan emblemático non podía estar nese estado de abandono”. Piñeiro comentou que “o concello de Moraña non tiña a financiación adecuada para levar a cabo esta obra” e por iso recorreron a “administracións públicas para colaborar co concello” polo que na visita quixo agradecer á Deputación a súa axuda: “É unha necesidade que estábamos a ter dende hai moitísimos anos e que agora é unha realidade”. A alcaldesa explicou tamén que espera que dentro dun mes as veciñas e veciños de Moraña poidan comezar a gozar das instalacións, que están practicamente rematadas. Piñeiro recalcou que “quedan unha serie de retoques, mobiliario interior e acondicionamento exterior” para que o novo centro pase a formar parte do día a día dos veciños.
As obras de reconversión do antigo Mercado no Centro Multiusos de Moraña partiu dun orzamento inicial de 889.078,33 euros, financiado integramente pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan de Reequilibrio, con 711.262,66 euros, e do Plan Concellos, coa achega dos 177.815 euros restantes. Finalmente, foi adxudicada en dous lotes por un total de 730.784 euros.
O novo centro conta cun auditorio/salón de actos, unha zona polivalente destinada aos e ás maiores do concello, dúas aulas/obradoiros e estancias para servizos como aseos, despachos, zona de control ou cafetería. Amais, o espazo central de patio cuberto queda como zona de esparexemento. A reorganización de espazos realizouse cunha especial sensibilidade no que respecta ás necesidades das persoas con diversidade funcional.

Deja un comentario