+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

O OBRADOIRO DUAL DE EMPREGO “LÉREZ-VERDUGO II” ESTÁ A PIQUES DE COMEZAR A SELECCIONAR AOS ALUMNOS-TRABALLADORES QUE SE BENEFICIARÁN DESTA INICIATIVA FORMATIVA-LABORAL


Un total de 20 persoas asistirán aos módulos de “Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais” e de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes e institucións sociais”

 

O proceso de selección dos 20 alumnos-traballadores que formará parte do obradoiro dual de emprego “Lérez-Verdugo II” nos módulos de “Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais” e de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes e institucións sociais”comezará de xeito inminente polo INEM entre as persoas que reúnan os requisitos e que estean anotadas nos epígrafes ADGG0408 e SSCS0208 das oficinas de demandantes de emprego.

No caso dos 12 alumnos-traballadores aspirantes para formar parte do módulo de “Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais” non se require ningunha titulación previa e os que rematen este proceso formativo dual recibirán un certificado de profesionalidade de Nivel I.

No caso dos 8 alumnos-traballadores que cursen o módulo de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes e institucións sociais” deberán contar coa ESO ou estudios equivalentes e obterán un certificado de profesionalidade de Nivel 2.

O obradoiro “Lérez-Verdugo II”, impulsado polos concellos de A Lama e Cerdedo-Cotobade celebra a segunda convocatoria deste programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral. A duración dos obradoiros duais será de 9 meses.

Os obradoiros de emprego forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panca de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación ou desaparición doutras.

Deja un comentario