+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

A FESTA DO CODILLO PRESENTA A SÚA VIXÉSIMO SEGUNDA EDICIÓN QUE SE CELEBRARÁ O DOMINGO 20 DE OUTUBRO


Durante a mesma repartiranse máis de 3 toneladas de producto

Esta tarde celebrouse a presentación da XXII Festa do Codillo que tivo lugar ás 20:30 horas no Pazo de Mos. Estiveron presentes na mesma membros da directiva da asociación organizadora do evento gastronómico, o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, entre eles a súa presidenta, Juana María Moreno Blanco; así coma os representantes municipais Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos, Camilo Augusto, tenente alcalde, e Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo mosense, entre outros membros do equipo de goberno local. Tamén asistiron a directiva da Fundación Pazo de Mos, da Comunidade de Montes en Man Común de Mos e da Asociación de Veciños Santa Baia; representantes da Deputación de Pontevedra e a pregoeira da festa deste ano, Verónica Romero, alpinista mosense integrante da expedición feminina ‘Compromiso por la Tierra’.

‘O Codillo Vai de Guateque’

Dende o ano pasado a Festa do Codillo inclúe unha interesante festa durante programación da víspera do evento gastronómico propiamente dito. Trátase da festa ambientada nas décadas dos anos 60, 70 e 80, titulada ‘O Codillo Vai de Guateque’. Será na contorna do Pazo de Mos o sábado 19 de outubro ás 21.30 horas, con sorteo de premios para os asistentes caracterizados da época e animación musical a cargo do DJ-Edi Márquez.

E xa dando continuidade á programación doutros anos, tamén o sábado 19 de outubro, celebrarase o XVII Concurso de serra de troncos con tronzador de man e un magosto popular con queimada.

Degustación do codillo

O domingo 20 de outubro celebrarase na parroquia de Mos a consolidada Festa do Codillo, que este ano chega a súa 22ª edición e contará con Verónica Romero como pregoeira convidada. Na Festa do Codillo de Mos poderase saborear, polo prezo de 12 euros, unha receita de codillo de porco ó forno, composta por dúas partes de codillo con arroz branco e chícharos, acompañado dunha salsa cun toque picante e servido todo nun prato de porcelana con garfo e coitelo metálicos, pano de mesa, pan e vaso de viño ou botellín de auga.

A degustación do Codillo será dende ás 11:00 horas ata fin de existencias o domingo 20 de outubro. Dende o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia prevén unha afluencia de asistentes de 5.000 persoas entre as que se repartirán 2.500 kg. de codillo de porco, 500 kg. de arroz, 150 kg. de chícharos, pemento, cebola, allo, etc., 5.000 bolos de pan, e 2.000 botellas de viño.

Coma sempre a programación da festa desenvolverase en dous días. O programa de festas iníciase o sábado 19 de outubro e o propio día da festa (domingo 20 de outubro), ás 10.30 horas da mañá abrirase o “VIII mercado de artesanía, gastronomía e produtos da terra” e, deseguido, comezo da degustación do codillo. E ás 12.00 horas intervirá a pregoeira Verónica Romero, tras a que chegarán as actuacións do Grupo Airiños do Castelo, Banda de Gaitas e Grupo de Baile do CCD Santa Eulalia, do Grupo de Danzas Alquería, Escola de Folclore de Aranda de Duero, Burgos; e os intermedios estarán amenizados pola charanga Os Charamujas.

Historia da festa

A Festa do Codillo xurdiu grazas ó afán da primeira xunta directiva do Círculo Cultural e Deportivo Sta. Eulalia, por buscar novas ideas para ilusionar a tódolos veciños e ós socios en particular. Queríase facer un evento no que Mos se convertese nun referente. Pensouse en facer unha festa gastronómica, posto que no Concello de Mos non había ningunha festa importante desas características.

E así, despois de barallar varias opcións, propúxose o codillo, unha parte do porco que ata ese momento non se enxalzaba en ningunha festa gastronómica de Galicia.

Este evento chegou o 8 de novembro de 1998 baixo a denominación de “1ª Festa do Codillo”, facéndose realidade unha das ideas máis orixinais e importantes que desenvolvería o Círculo. Actualmente é unha festa consolidada que atrae cada ano a milleiros de persoas, converténdose na máis importante destas características do Concello de Mos e unha das máis destacadas da nosa comarca.

Dende o ano 2009 estableceuse como data fixa para a súa celebración o terceiro domingo de outubro. O seu emprazamento dende o ano 2012 é o Contorno peonil do Pazo de Mos, preto do cruce da N.550 (O Porriño – Redondela) coa PO.2601 (a Torroso, Puxeiros) detrás da igrexa parroquial de Sta. Eulalia de Mos. Este emprazamento é o berce do Concello de Mos e o único xérmolo de casco histórico municipal, de onde a mediados do século XVI ergueron a súa vivenda, sete casas máis para o seu servizo e a igrexa parroquial, os primeiros señores de Mos, que co tempo alcanzarían os máis altos recoñecementos nobiliarios, converténdose en Marqueses de Mos con grandeza de España. As vicisitudes da historia quixeron tamén que o Pazo fose testemuña directa da ira das tropas francesas durante a Guerra da Independencia, sendo queimado no ano 1809 converténdose nun edificio en ruínas. Despois de pasar por varias mans o Pazo do Marqueses de Mos, acabou sendo donado ós veciños da Parroquia de Mos, que foron quen de poñerse de acordo para a súa reconstrución conseguindo os medios materiais e económicos suficientes para poder convertelo na grande casa social e cultural de todos eles.

Deja un comentario