+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019

CORES TOURÍS DESTACA O AUMENTO DE VIAXEIROS ALOXADOS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA ESTE VERÁN, QUE CRECEU NUN 4,8%


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra incidiu en que tamén aumentou o volume de noites que estes turistas pasaron na provincia, ata un 5%
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá o aumento de viaxeiros aloxados no verán na provincia de Pontevedra, que creceu nun 4,8%. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) referentes aos meses de xullo e agosto.

“O comportamento da demanda turística na provincia foi moi positivo”, segundo explicou Cores Tourís, “non só se incrementou a cifra de viaxeiros aloxados senón tamén o volume de noites, nun 5% de media. A demanda crece tanto en pensións, como en apartamentos turísticos (ata un 20% nestes dous casos), en turismo rural e en hoteis”.

O 87% da demanda na provincia corresponde a establecementos hoteleiros, unha cifra que engloba aos hoteis e as pensións. A porcentaxe restante fica entre os apartamentos turísticos, cun 9%, e os establecementos de turismo rural, cun 4%.

Os datos do INE reflicte como medrou tanto o turismo nacional, un 3,1%, como o internacional, cunha alza do 10,3%. Este verán é o mercado receptor nacional o de maior peso na provincia, xa que absorbe o 63% do total da demanda. O 20% corresponde ao turismo interno e o 17% ao internacional.

Se atendemos aos concellos, en relación aos de maior atracción turística no eido da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, destacar que Sanxenxo contou con 434.445 pernoctas, o que supón unha variación con respecto ao mesmo período de tempo en 2018 de case un 6%. No caso da cidade de Pontevedra, “a evolución é moito mellor, cun crecemento do 15,1%, con 64.995 noites”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

En termos autonómicos, a nosa Comunidade rexistrou unha mellora por riba da media estatal de indicadores asociados á calidade como a rendibilidade dos establecementos hoteleiros (+4,3% fronte ao 3,3% estatal), a ocupación (+2,46% fronte ao 0,39% no resto de España) ou a estadía media (+0,3% fronte á caída do 1,6% a nivel estatal), o que reflicte a consolidación da calidade da oferta turística galega, que tamén medra en termos cuantitativos.

O crecemento da demanda hoteleira en Galicia só foi superada por Asturias, un feito que demostra a capacidade da nosa Comunidade para atraer visitantes con independencia da climatoloxía.

Deja un comentario