+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

DEPUTACIÓN E CONCELLO ABREN A ROLDA LESTE DEFINÍNDOA COMO “UNHA ACTUACIÓN DE MICROCIRUXÍA URBANA” PARA MELLORAR A MOBILIDADE NO ACCESO A MONTECELO


A nova infraestrutura rematouse cun orzamento de 3,3 millóns de euros e dará servizo a un área sanitaria de 280.000 habitantes
Deputación e Concello de Pontevedra abriron hoxe ao tráfico a rolda leste da cidade definíndoa como unha “actuación de microcirurxía urbana” para mellorar a mobilidade no acceso ao hospital Montecelo. Na apertura tanto a presidenta provincial Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, como o alcalde Fernández Lores, coincidiron ao afirmar que “por fin é realidade” unha infraestrutura que dará servizo a un área sanitaria de 280.000 habitantes.
A obra é, segundo o vicepresidente Mosquera, “sumamente importante” para evitar o tráfico na rúa das Pereiras, na rúa das Olivas, Ánxel Limeses, e mesmo noutras vías próximas de acceso a Montecelo non dimensionadas para soportar o intenso tránsito cara ao centro hospitalario que xeraba molestias á veciñanza da zona.
Destacou, de feito, que a rolda é un primeiro paso de novas infraestruturas e actuacións na a contorna, lembrando a futura vía que pasará por detrás do hospital e outras melloras. “Esta zona vai cambiando e seguirá cambiando porque continuaremos facendo actuacións”, dixo o nacionalista.
“Na perspectiva de que se amplíe o hospital esta obra chega nun momento sumamente oportuno, porque con Montecelo ampliado isto sería un absoluto inferno tal e como estaba antes. Agora ten unha solución moi digna, con criterios actuáis, adaptada ao territorio e pouco invasiva”, apuntou.
O vicepresidente destacou que as características da estrada que abriu hoxe son máis suaves do inicialmente previsto debido á construción da circunvalación –a maiores- como estrada de alta capacidade. Na nova vía, de feito, agárdase un tráfico de apenas 4.000 ou 5.000 vehículos diarios, polo que Mosquera definiuna como “unha actuación de microcirurxía urbana”.
Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva subliñou que a rolda é un proxecto histórico. Fixo fincapé en que o modelo da cidade de Pontevedra -posibilitando a mobilidade e accesibilidade e que o espazo público sexa das persoas- non só se ten que aplicar na zona máis urbana, senón que “o espazo público tamén necesita de que se actúe en zonas máis periféricas dando resposta onde hai moito tráfico porque hai equipamentos e dotacións”.
“Este é un modelo da mobilidade do século XXI, non hai máis que observalo e ver as necesidades ás que vai dar resposta e a calidade da obra, que é algo que temos sempre en conta. Tiñamos que estar aquí para poñela en funcionamento porque forma parte dun modelo e dunha maneira de actuar nas infraestruturas no territorio”, finalizou.
O alcalde de Pontevedra sumouse aos parabéns por ter rematado a rolda, aínda con maior demora do desexado, xa que se leva demandando dende o ano 2004. Manifestou a súa confianza en que a cidadanía a “valore correctamente”, xa que facilita a mobilidade cuns criterios razonables de calmado de tráfico e posibilita o tráfico peonil e ciclista. “É un paso adiante importantísimo con respecto ás conexión que tiña o hospital de Montecelo e Príncipe Felipe”, dixo.
Segundo as palabras de Lores, a nova rolda é un exemplo de como hai que facer as cousas nos treitos urbanos ou semiurbanos, mellorando a mobilidade sen xerar problemas no territorio nin de velocidade. Subliñou que debe servir de modelo para outras infraestruturas pendentes de executar por parte doutras administracións, e agradeceu “a connivencia e colaboración” da Deputación, sobre todo porque “esta obra afecta non só á cidade, senón á área sanitaria, que son 280.000 habitantes. É unha obra que resolve problemas e que conecta un equipamento fundamental para Pontevedra e tamén para a comarca”.
Características
A rolda leste ten unha lonxitude de 970 metros cunha única calzada e dous carrís de circulación (de 3,50 metros cada un), beiravías dun metro máis unha berma de 0,75 metros, así como unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo.
O trazado iniciouse na glorieta existente na PO-542 (Pino-Bora) dentro da obra de desdobramento realizada no ano 2013. A partir de aí a nova vía toma dirección norleste e, ascendendo cunha pendiente máxima do 8,5%, alcanza a estrada Pedra do Lagarto, na que se levantou unha nova rotonda. A partir dela a pendente suavízase ata finalizar na terceira glorieta, construída sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo.
A necesidade de construír a infraestrutura plantexouse no 2004 na mesa de mobilidade da M-4 (con representantes de Fomento, Xunta, Deputación e Concello). Posteriomente asinouse no 2013 un convenio de colaboración coa Deputación, pero dadas as deficiencias do proxecto inicial foi necesario refacelo, o que deu lugar a un novo convenio no 2017. A obra iniciouse en agosto de 2018 da man da empresa Coviastec.
O orzamento pasou dos 2,4 millóns de euros inicialmente previstos a 3,3 debido ás modificación das deficiencias do proxecto inicial, ás expropiacións de terreos, e á necesidade de trasladar torres de alta e media tensión que estaban no medio da traza.

Deja un comentario