+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019

ÁNGELES VÁZQUEZ CHAMA A PARTICIPAR NA CAMPAÑA SOLIDARIA ‘RECICLA VIDRO POR ELAS’ QUE SE DESENVOLVERÁ EN 15 CONCELLOS GALEGOS


A conselleira de Medio Ambiente asiste en Lugo ao acto de presentación dunha iniciativa que, por cuarto ano consecutivo, impulsa Ecovidrio, que doará á loita contra o cancro de mama un euro por cada quilo de envases reciclados
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá en Lugo a cuarta campaña solidaria Recicla vidro por elas, animando á cidadanía a participar nunha iniciativa que, subliñou, combina a sensibilización social sobre a reciclaxe cunha acción con fins solidarios. Galicia é, ademais, a comunidade española na que este ano comeza oficialmente a iniciativa, coa participación de 15 concellos nos que se instalarán un total de 30 iglús de cor rosa, en consonancia coa imaxe do Día Mundial do Cancro de Mama.

Coincidindo coa colocación dos dous primeiros colectores na Praza do Ferrol, en Lugo, a responsable de Medio Ambiente, que estivo acompañada no acto pola alcaldesa da cidade, Lara Méndez, salientou a importancia de accións solidarias coma esta, que impulsa e promove Ecovidrio en todo o país co obxectivo de recadar fondos para a loita contra esta tipoloxía de cancro, que afecta cada ano a miles de mulleres. “Fago un chamamento aos galegos para que estes días, máis que nunca, depositen os seus envases de vidro nalgún dos iglús rosa instalados en Galicia”, declarou.

Cómpre lembrar que por cada quilo de vidro que se recicle no marco desta iniciativa, Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada de xestionar estes envases en España e impulsora da campaña Recicla vidro por elas, doará 1 euro á Fundación Ibarra de Solidaridade para contribuír á prevención e investigación sobre o cancro.

A campaña arrancou hoxe en Lugo e a partir do luns estenderase a outros 14 concellos galegos, concretamente aos de Boiro, Ferrol, Curtis, Padrón, Santiago, Porto do Son, Noia, Ribeira, A Coruña, Carballo, Lugo, Ourense, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Sanxenxo. No conxunto de España, Ecovidrio levará esta acción solidaria, que se prolongará ata o vindeiro 26 de outubro, a máis de 80 cidades e vilas nas que se instalarán 340 iglús rosas.

Así mesmo e como símbolo da concienciación e a solidariedade co cancro de mama, Agatha Ruiz de la Prada deseñou tamén este ano un miniglú conmemorativo para a ocasión, que se poderá comprar online e cuxos beneficios destinaranse tamén á Fundación Ibarra.

Deja un comentario