+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

O CONCELLO DA LAMA E O DISTRITO FORESTAL XIX DA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL ORGANIZAN UNHA XORNADA TÉCNICA SOBRE PREVENCIÓN DE INCENDIOS NOS NÚCLEOS RURAIS


Esta actividade terá lugar o vindeiro xoves 17 de outubro na Escola-Obradoiro da Lama

Concello da Lama e o Distrito Forestal XIX, da Consellería de Medio Rural, desenvolverán unha xornada técnica sobre prevención de incendios nos núcleos rurais que terá lugar o vindeiro xoves 17 de outubro no edificio da Escola-Obradoiro lamense en horario de 16:30 a 21 horas.

Esta xornada está dirixida preferentemente a propietarios forestais e comuneiros, persoal técnico con interese no eido forestal e ambiental, traballadores de empresas do sector, agricultores, mulleres do medio rural, persoas que se incorporen ao sector primario, etc. e ten como obxectivo explica-la normativa en materia de prevención de incendios forestais e concienciar á cidadanía na posta en práctica das medidas de prevención e autoprotección nesta materia.

Os interesados deberán inscribirse preferentemente antes do 15 de outubro, aínda que poderán facelo no mesmo día de incio do curso, a través do correo electrónico: distrito.forestal19@xunta.gal xa que ten un aforo limitado e se reservarán as prazas por orde de inscrición e criterios preferentes dos destinatarios. Para calquera información sobre esta xornada poden chamar ao teléfono 886 159 587.

Por outra banda, esta xornada técnica incidirá tamén no fomento da xestión conxunta entre propietarios dos minifundios forestais a través de figuras como o SOFOR, ademais de incentiva-la valoración do monte e dar a coñece-las consecuencias e os efectos dos incendios.

Entre os temas a abordar durante esta xornada técnica que ten unha duración de catro horas e media figuran a problemática dos incendios forestais da zona, lugares de alto risco, as épocas de perigo alto e o índice de risco diario de incendios forestais.

Tamén se abordará o tema das comunicacións e autorizacións de queima, procedemento de solicitudes e prescripcións técnicas no eprego do lume e alternativas á utilización do fogo como ferramenta para a xestión da biomasa.

Ademais buscarase concienciar aos asistentes sobre a necesidade e a importancia da xestión conxunta da propiedade forestal para maior valoración do monte cunha aproximación ao que son as asociacións de propietarios e as sociedades de fomento forestal.

Finalmente, os asistentes poderán coñecer cales son as medidas máis axeitadas de autoprotección das edificacións próximas ao monte, que facer cando se detecta un incendio, sistemas de alerta, normas de actuación cando o lume afecte ao núcleo de poboación (confinamento na casa, protección activa da vivenda, evacuación, colaboración cos servizos de extinción, etc.). Tamén se verán recomendacións de cómo actuar cando un incendio nos sorprende no medio natural ou dentro dun vehículo.

Deja un comentario