+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

MORAÑA COMEZA A INSTALACIÓN DE CUBRECONTEDORES NO MARCO DO SEU PLAN TURÍSTICO DE EMBELECEMENTO DE ESPAZOS


O Concello inviste 53.000 euros, cofinanciados pola Xunta, para instalar 34 sinais informativas e once illas de madeira para contedores

 

O Concello de Moraña está a desenvolver unha nova fase do seu plan turístico coa realización dun investimento en infraestruturas para o embelecemento dos bens de interese e das súas contornas, a través da instalación de cubrecontedores, e coa colocación de nova sinalización informativa. Neste senso, cómpre sinalar que acaban de comezar as obras de ubicación destas illas de madeira para os depósitos de almacenamento de lixo coas que se pretende ocultalos e mellorar a estética dos espazos máis emblemáticos do municipio.

Así, o Concello está a investir 53.000 euros, que serán cofinanciados pola Axencia Turismo de Galicia cunha aportación de 34.000, neste plan de embelecemento e sinalización dos principais puntos de interese do termo.

Por elo, estanse a colocar once cubrecontedores de madeira tratada para mellorar a contemplación dalgunhas das principais iconas turísticas do Concello. En concreto, estanse a situar na Carballeira da Feira (2), na capela de Santa Margarida, na Capela dos Milagres de Amil (2), na igrexa de Santa Cruz de Lamas (2) e nas de Cosoirado, Rebón e San Martiño de Gargantáns, así como na Carballeira de Santa Xusta.

En canto á sinalización informativa, que será a seguinte actuación e pretende facilitar a chegada dos visitantes a estes puntos de interese, están proxectados un total de 34 fitos coa seguinte distribución: nas inmediacións da capela de Santa Margarida (2), igrexa de Saiáns (5), Capela dos Milagres de Amil (3), igrexa de Amil (3), igrexa de Cosoirado (4), igrexa de San Lourenzo (3), Pazo da Buzaca (4), igrexa de Rebón (2), Muiños das Laxes (4), igrexa de Gargantáns (3) e Fonte de Santa Xusta (1).

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, que supervisou o arranque das obras destas infraestruturas na Carballeira da Feira, destacou que esta medida responde “á aposta constante do goberno local por seguir dando pasos no eido turístico e
mellorar, neste caso, a visibilidade dos moitos puntos de interese de Moraña”.

Deja un comentario