+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

MOSQUERA: “A XENTE ESTÁ SENSIBILIZADA COA COMPOSTAXE, HAI QUE DARLLE OS MEDIOS PARA FACELO BEN”


Na carpa do Revitaliza en Pontevedra recolléronse esta mañá máis dun cento de solicitudes para dispor de composteiros individuais e compostar en centros comunitarios
A actividade das mestras e mestres composteiros do Revitaliza hoxe en Pontevedra foi imparable. Foron moitas as pontevedresas e pontevedreses que se achegaron ata a carpa informativa instalada na Praza da Peregrina para saber máis sobre a compostaxe, superándose incluso as previsións de adhesións e compromisos de participación para participar da compostaxe comunitaria na cidade ou ter un composteiro individual nas casas con horta no rural.
O persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación, xunto cos do Concello de Pontevedra, recolleron en apenas tres horas máis dun cento de presolicitudes asinadas cun compromiso persoal que agora se xestionarán nas oficinas. Segundo explicou o vicepresidente César Mosquera, a xornada foi un éxito e atenderanse todas as peticións, aínda que con diferentes ritmos en función das zonas do concello.
O nacionalista loubou o interese da veciñanza pola compostaxe no posto informativo, onde o persoal técnico atendía durante varios minutos a cada persoa que se achegaba respostando preguntas e solucionando dúbidas. “Se algo ten a xente é sensibilización. En xeral hai preocupación por como está o medio ambiente e interese en facer algo e non seguir castigando o planeta alegremente”, dixo, para engadir que o que pretende o Plan Revitaliza “é dar solucións para compostar canalizando esa enerxía e o sentir da xente”.
De feito, o vicepresidente puxo o exemplo dalgunhas persoas que, na propia cidade de Pontevedra, compostan en balcóns ou incluso con composteiros de cociña caros e difíciles de atopar. “Teñen sensibilización pero técnicamente non o está a facer ben porque non teñen coñecementos. Por iso é importante canalizar a preocupación e sensibilización e dar os medios para compostar correctamente”, destacou.
Mosquera, que acudiu a visitar o posto informativo de compostaxe instalado na Peregrina xunto aos concelleiros pontevedreses de Economía, Raimundo González Carballo, e do Rural, Alberto Oubiña, explicou que a carpa forma parte dunha campaña informativa para divulgar a compostaxe que está percorrendo os concellos Revitaliza da provincia.

Destacou que “é importante o contacto directo e físico co programa e cos mestres composteiros”, e lembrou que dentro do programa Revitaliza vaise tamén porta por porta para explicar o funcionamento dos composteiros individuais, e convócanse reunións para os centros de compostaxe comunitarios.
A carpa do Revitaliza continuará a súa andaina mañá en As Neves, dentro dos actos da XIV Festa do Tinto Rías Baixas, e seguirá en horario de 10 a 13 horas luns en Ponteareas, mércores en Barro, xoves en Poio e venres en Campo Lameiro. En todos estes lugares as mestras e mestres composteiros, ademais das súas explicacións, repartirán material divulgativo (imáns, folletos, pegatinas…) e tamén prantas para que a veciñanza poida comprobar a virtude do compost para fertilizalas. As persoas que queiran solicitar un composteiro individual ou participar dun comunitario tamén poderán facelo.

Deja un comentario