+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

INAUGURADA A XGN R ENCOUNTER, CUNHA ESPECIAL APOSTA POLA REALIDADE VIRTUAL


Esta mañá quedou inaugurada a party, con 72 horas cargadas de actividades por diante, un 14% máis de participantes que na pasada edición, e maior velocidade de conexión a Internet que nunca: 20 Gbps

Esta mañá quedou inaugurada a XGN R Encounter, con tres días por diante cargados de actividades, un 14% máis de participantes que na pasada edición, e maior velocidade de conexión a Internet que nunca: 20 Gbps. Esta décimo novena edición realizou unha especial aposta pola realidade virtual, un sector tecnolóxico en auxe que ofrece un número cada vez maior de opcións lúdicas e de servizos a empresas e profesionais

A lan party galega conta con postos para preto dun milleiro de participantes procedentes de 23 provincias españolas, así como cunha zona aberta ao público que ofrece actividades lúdicas e formativas, de forma gratuíta. O evento medra tamén en contidos, xa que nesta décimo novena edición contará con máis de 70 actividades que inclúen desde competicións de arte dixital ou videoxogos ata talleres, área de xogos e conferencias.

Este evento, que conta co apoio da Consellería de Política Social, impulsora da party, e con R como empresa patrocinadora e colaboradora, segue así dando pasos para converterse na segunda lan party máis importante a nivel nacional e ofrecer a inscritos e visitantes a posibilidade de gozar e aprender coas últimas tecnoloxías.

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inauguraron o evento. Tamén acudiron ao acto a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; os representantes da Deputación de Pontevedra, Manuel González e Iria Lamas, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña; ademais do conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, José Miguel García; o director de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, e o xerente da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente.

Realidade virtual, a aposta deste ano

Tanto os inscritos como os visitantes á Extranet, a zona aberta ao público, poden mergullarse no mundo da realidade mixta, que combina a realidade virtual cun escenario con partes reais, para gozar dunha experiencia de inmersión total. É posible ver, oír, tocar, cheirar e mesmo sentir o vento na cara. A través de distintas zonas de realidade virtual, as opcións de entretemento e aprendizaxe multiplícanse, precisamente ao redor dun sector que non deixa de evolucionar ano tras ano.

A empresa Wuautech, habitual nas últimas edicións, dispuxo este ano unha zona de 200 metros cadrados con varias actividades. Por unha banda, dúas áreas de ‘hiperrealidade’, ambientadas en cidades futuristas nas que o ‘xogador’ experimenta unha inmersión absoluta e interactúa co xogo a través do movemento de brazos e pernas. Pero ao mesmo tempo, habilitou tamén espazos para gozar do voo, sexa nun dragón ou en á delta, que transmiten a sensación pura do voo libre. Esta zona complétase coa opción de competir, sempre a través da realidade virtual, en carreiras de coches ou de admirar dunha forma única as ilustracións de anime realizadas por unha artista colaboradora.

A Extranet conta tamén con dous espazos máis dedicados á Realidade Virtual, un centrado nos xogos máis actuais, nos que priman a coordinación e os reflexos, e outro achegado pola canle de televisión SyFy, que permite vivir a través dos ollos de diferentes personaxes os últimos minutos de vida do planeta.

Máis actividades

Este evento conta con numerosas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital nas súas tres vertentes, creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. Ademais, o ‘hardware’ contará con numerosas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, ‘granxas’ de impresoras 3D e zonas de realidade virtual orientadas unicamente a estes participantes. Sumaranse os torneos de videoxogos, que nesta ocasión aumentan un 25% os seus títulos e inclúen estilos para todos os gustos. Ademais, haberá outras actividades tan divertidas como o “3 en pong”, a “ teletenda”, o “ trabaparty”, o “salto, salto…pedra, papel, tesoira” ou o “ cutreatro”

Hai que destacar as distintas conferencias que se impartirán ao longo do evento, que poden consultarse na web https:// xgnr19. xgnrencounter. gal e que abordarán temáticas tan interesantes como “ “Mamá, mamá, quero ser hacker”, “Desenvolvemento de software no século XXI: converte a túa paixón na túa profesión”, “Introdución ao hacking de videoxogos” o “ Ivao, presente e futuro”.

De igual forma, o evento acolleu esta mañá talleres, como “crea R” de robótica, financiada pola Fundación Euskaltel, onde os nenos puideron iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos nunha iniciativa enmarcada no programa Digitalent da AMTEGA, e mañá os de chovafoam, material para o vestiario de cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic). R tamén puxo en marcha nesta primeira xornada charlas dedicada ás empresas, nas que, por exemplo, un experto en redes sociais ofreceu pautas e consellos ás pemes para comunicar ben na internet ou un emprendedor socio tecnolóxico de R expuxo como sacou adiante a súa aventura empresarial.

E aínda por riba, o programa de actividades inclúe propostas como xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, campionato de karting, partidos de fútbol burbulla, un rocódromo, unha exposición de figuras de ciencia ficción, un concurso de cosplay ou zonas de rol, nerf e wargame.

Deja un comentario