+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

A EOXI DE PONTEVEDRA E O SALNÉS REXEITA OS FALACES INTENTOS DE DESPRESTIXIO DA SANIDADE PÚBLICA EN AROUSA E AVALA A SÚA XESTIÓN E MELLORA PERMANENTE DA ASISTENCIA


O SERGAS amosa con datos que O Salnés evolucionou indiscutiblemente nos últimos dez anos nos seus recursos humáns e infraestruturas sanitarias

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés rexeita os falaces intentos de desprestixio da Sanidade Pública en Arousa e avala a súa xestión e mellora permanente da asistencia. O Salnés evolucionou indiscutiblemente nos últimos dez anos nos seus recursos humáns e infraestruturas sanitarias. A este respecto -e cun importe económico total de arredor de 11,5 millóns de euros- o SERGAS lembra que entre 2008 e o pasado ano 2018 o Hospital do Salnés pasou de ter 87 camas a dispoñer de 121 (crecemento dun 45%). A nova área de urxencias pasou de 18 postos de observación en 2008 aos 39 locais (crecemento dun 105%). A nova área obstétrica pasou de contar cunha sala polivalente con bañera en 2008 a 5 locais -2 salas de UTPR, 2 salas polivalentes e 1 posto de atención e recuperación de recén nado- (crecemento dun 500%).

A nova área cirúrxica pasou de 3 quirófanos en 2008 a 5 en 2017 (crecemento dun 66%). Actualmente están funcionando 4 quirófanos que permiten atender adecuadamente a demanda do distrito. Tamén a nova área de recuperación postanestésica e de hospital de día pasouse de 18 postos -camas de espertar, postos de hospital de día e de CMA- a 28 en 2017 (crecemento dun 54%). Na área de diagnóstico pola imaxe, o Hospital do Salnés pasouse de 1 a 2 salas de radioloxía convencional e de 5 a 12 ecógrafos. En locais de consultas, o Hospital arousán pasou de ter 16 no ano 2008 a 29 na actualidade. Crecemento dun 90%)

A Administración Sanitaria Pública galega reitera que tentar desprestixiar ao Hospital do Salnés obviando esta información é un falaz exercicio de ocultar á poboación a situación do centro sanitario de Ande, que conta cunha moderna infraestrutura en todos os ámbitos. Así mesmo, preténdese trasladar unha teórica falla de dotación de persoal no Hospital, extremo que de novo se rexeita con datos: en persoal directivo, pasouse de 4 directivos en 2008 a 1 na actualidade. En persoal facultativo, pasouse nesta década de 71 a 87 (crecemento dun 22,5%). En persoal sanitario non facultativo pasouse de 153 a 207 efectivos (crecemento dun 35%). En persoal non sanitario pasouse de 36 a 54 profesionais, crecendo nun 50%.

Incremento da actividade asistencial
De novo, os datos de actividade sanitaria pública en Arousa entre 2008 e 2018 amosan un incremento incuestionable, lonxe dos constantes intentos de falsear a realidade. Así, os ingresos no Hospital pasaron de 4.171 en 2008 a 5.087 en 2.018 (crecemento do 25%). As urxencias atendidas evloucionaron nesta década de 36.313 a 39.649 (crecemento do 3,5%).

O número de intervencións cirúrxicas pasou de 3.335 en 2008 ás 4.794 o pasado ano (crecemento do 42%). En consultas pasouse de 86.655 a preto de 88.000 (crecemento do 1,2%).

Rigor nos datos das demoras no Hospital
A EOXI de Pontevedra e O Salnés defende o rigor e a congruencia dos datos de demoras que se publican. Cómpre sinalar que o sistema de rexistro de esperas está aprobado polo Ministerio de Sanidade e obriga a todas as Comunidades Autónomas, de xeito que tanto o rexistro dos datos coma a súa explotación é única para o conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

Neste sentido, é incuestionable que o Hospital do Salnés conta coas listas de espera máis baixas de toda a rede de hospitais do Sergas. As demoras a 30 de xuño de 2019 revelaban unha demora media de 33,2 días para unha intervención cirúrxica (sendo no total do Sergas de 56,4 días); 31,7 días de espera media para primeira consulta no Hospital arousán (no Sergas 37,8 días); 30,5 días de espera media para efectuar un TAC (no Sergas 66,1 días); 37,9 días de espera media para unha Resonancia (no Sergas 52,5 días). Os datos que se ofrecen de esperas no Sistema Nacional de Saúde son medias, de tal xeito que hai pacientes por debaixo destes datos, aqueles cun proceso clínicamente prioritario -por exemplo, intervencións ou probas por neoplasias- e outros pacientes que os superan -pacientes con procesos de menor gravidade e clínicamente menos prioritarios-.

Comparativa con crecemento médico en Atención Primaria
No que atinxe ao persoal médico de Atención Primaria no Salnés entre os anos 2008 e 2019, pasou de 79 a 83 médicos, sendo o crecemento global arousán dun 5%.

Así mesmo, a cifra de consultas realizadas nos centros de saúde de O Salnés acadou as 348.842 en 2017 e 353.344 en 2018, o que supón un incremento dun 2%.

No que respecta aos PAC´s de Cambados, O Grove e Vilagarcía o número de asistencias realizadas ascendeu a 83.355 en 2017 e 80.738 en 2018, o que supón unha diminución do 3,1%. Estas cifras amosan que as afirmacións do deterioro da Atención Primaria e a sobrecarga dos PAC´s non se sosteñen.

Respecto ás incidencias deste verán, debemos aclarar que a planificación do verán foi correcta posto que as ausencias dun 25% do persoal médico de Atención Primaria por vacacións xa estaban previstas, non obstante o volume de ausencias imprevistas, sobre todo por baixas laborais, xeraron un problema de cobertura.

Plan de Atención Primaria
Por outra banda, cara a paliar as incidencias que evidentemente existen no primeiro nivel do Sistema Sanitario Público galego, a EOXI de Pontevedra e O Salnés lembra que o SERGAS, é o único Servizo de Saúde que conta cun Plan de Atención Primaria para o período 2019-2021 cunha dotación económica para estes tres anos de 102.421.903 euros, dos que 17 millóns son para incremento da dotación de persoal.

Máis do 70% das medidas a curto prazo contempladas no novo Plan de Atención Primaria 2019-2021 xa funcionan ou comenzaron a súa implantación. Estas accións a curto prazo, a desenvolver ata finais de ano, representan o 40% do total das 200 accións comprometidas no documento aprobado o pasado 16 de maio no Consello da Xunta.

Entre as medidas máis significativas que xa comenzaron a súa implantación, ao obxecto de xerar un marco profesional estable, destaca a convocatoria da oferta pública de emprego de 2019, con 528 prazas nas categorías específicas no eido da Atención Primaria.

Tamén se acordou incrementar a dotación de 331 novas prazas en distintas categorías de Atención Primaria -80 de médicos de familia, 20 de pediatras e 130 de persoal de enfermería de Atención Primaria, entre outras-. Deste total, 52 son prazas previstas para este ano. E se aprobou o nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito do Servizo Galego de Saúde, acordado en mesa sectorial cos sindicatos CESM-Omega, Satse, CSIF e UGT.

O SERGAS tamén fixo un importante esforzo en equipamentos e infraestruturas para os centros de saúde, concretamente para os dispositivos asistenciais de Atención Primaria de Pontevedra e O Salnés a inversión ascende a algo máis de 1,5 millóns de euros. Parte deste equipamento xa foi distribuído aos centros sanitarios e outra parte está en proceso de compra a través da correspondente licitación.

Deja un comentario