+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

MORAÑA VAISE IRMANDAR CO CONCELLO CORDOBÉS DE CARDEÑA E SERÁ EMBAIXADOR DA SÚA FEIRA DO LEITÓN IBÉRICO


Piñeiro, Cela, a banda Nova Lira, un grupo de gaiteiros, empresarios e polbeiros participan a vindeira fin de semana nesta cita gastronómica

 

O Concello de Moraña vai establecer unha relación institucional de ámbito nacional a vindeira fin de semana co seu irmanamento co municipio cordobés de Cardeña e co seu nomeamento como embaixador da Feira do Leitón Ibérico, que celebrará a súa oitava edición entre os días 18 e 20 deste mes.

A organización escolleu ao concello morañés pola súa longa traxectoria e aposta por unha cita gastronómica similar, a Festa do Porquiño á Brasa de Amil, e decidiu establecer lazos e vínculos entre ambos territorios a raíz destas similitudes.

Moraña vai acudir aos actos cunha destacada representación encabezada pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, e na que tamén estarán o tenente de alcalde, José Cela, a Banda de Música Nova Lira, que terá ata catro actuacións en Cardeña, empresarios da artesanía e dos produtos ecolóxicos e polbeiros.

A participación da comitiva morañesa será intensa, xa que está previsto que a rexedora, tras formalizar o irmanamento con Cardena, interveña na inauguración oficial, programada para o venres 18 ao mediodía na carpa do recinto feiral desta vila cordobesa. Ademais, a banda de música ofrecerá ata catro actuacións con tres pasarrúas o venres, sábado e domingo en quenda de mañá e un concerto o venres 19 ás 18.00 horas. Así mesmo, tamén está previsto que os empresarios asistentes establezan contactos comerciais en base aos produtos propios da nosa terra e que os polbeiros ofrezan algunhas degustacións.

Paralelamente, e para aproveitar a proxección deste evento, o Concello de Moraña tamén vai contar cun stand turístico e promocional no propio recinto feiral que estará centrado, loxicamente, na Festa do Porquiño á Brasa, pero que tamén incluirá outros eventos, fitos e puntos de interese do municipio.

“Cremos que é unha marabillosa oportunidade e un gran recoñecemento a Moraña
ademais dun importante foco de proxección nacional, pero tamén supón incidir na vía

 

da cooperación interritorial, da unión e do aproveitamento conxunto de sinerxias e esforzos entre os territorios, que é algo que sempre defendimos dende o goberno local”, detallou a alcaldesa.

Deja un comentario