+034 986 09 02 04 Luns 01 de Xuño de 2020

O concello sacará a concurso as labores de Prevención e Saúde Laboral en setembro, cando expire o actual contrato


A voceira do goberno local advirte que o servizo leva 13 anos de prórrogas e que os sindicatos nunca o denunciaron

O Concello de Vilagarcía traballa dende o mes de xaneiro da redacción do prego de condicións do servizo de Prevención e Saúde Laboral co obxectivo de sacalo a concurso tan pronto como se esgote a prórroga en vigor ao actual contrato, é dicir, no mes de setembro. A medida nada ten que ver coa petición dos sindicatos para que se rescindira o contrato a Unipress Salud, segundo indicou a voceira do goberno local, Rocío Llovo, que defendeu a imparcialidade dos traballos realizados por esta forma así como a «intachable» actitude da súa técnico.

Llovo recoñece que o contrato leva concedidas varias prórrogas, en concreto, dende hai 13 anos, «polo que se remontan e repiten dende a época de gago e do bipartito, sen que os sindicatos denunciasen nada ao respecto ata o de agora». A edil considera que esta «preocupación que xurde agora e non antes polos temas de saúde laboral» pode deberse á proximidades das eleccións municipais e das posteriores sindicais, xa que non se atopa outra explicación.

De feito, a presidenta do Comité de Saúde Laboral, rexeita todas as críticas e denuncias realizadas polos sindicatos empezando pola labor que leva prestando Unipress Salud ao longo destes anos con total profesionalidade. Do mesmo xeito, LLovo del Río defende a técnico de prevención da firma «que amosa unha actitude intachable, é sumamente educada e correcta e o seu traballo non é nin parcial nin imparcial, xa que se limita a aplicar as leis».

A voceira aclara que non é o goberno que paga a Unipress Salud, senón o Concello e polo tanto, a firma traballa para o Concello.

A presidenta do Comité de Saúde Laboral tamén rebate aos sindicatos asegurando que o Concello sempre tivo e segue tendo Plan de Prevención. «Está feito dende hai anos, pero é un documento vivo en permanente cambio para actualizado e axustalo ás necesidades de cada momento. O mesmo acontece co Plan de Evacuación, que existe, pero que se está actualizando para engadir as novidades ou cambios rexistrados como a incorporación dunha saída de emerxencia na Casa da Cultura a través do Salón García». A concelleira engade que é esa revisión a que se someterá mañá á aprobación da Xunta Local de Goberno.

Llovo del Río ataca aos sindicatos asegurando que sio non sabían da existencia destes documentos e do procedemento que debe seguirse para a súa actualización é porque «durante a época do bipartito non asistían a ningunha reunión do Comité de Saúde debido aos seus enfrontamentos. E seino porque eu si que asistía como representante do PP».

Para a concelleira a agresividade que están a manter os sindicatos no tema de Prevención e saúde Laboral débese ao resentimento por ter perdido os contenciosos que interpuxeron contra a ampliación de horarios e a creación das brigadas postas en marcha polo goberno local que foron avaladas por decisión xudicial.

Por último, Llovo asegura que, independentemente desta labor destrutiva dos sindicatos, o Concello seguirá traballando como ata o de agora en temas de prevención, rematarase o Prego para sacar a concurso o servizo en setembro e farase todo o que Inspección requira.

Deja un comentario