+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

O CONCELLO DE MOS ACTUALIZA O SEU REGULAMENTO ORGÁNICO


Foi aprobado hoxe en Pleno o mesmo documento que a Deputación aprobou en 2016 e que ten actualmente en vigor

O Pleno do Concello de Mos, na sesión ordinaria celebrada esta mañá, aprobou por maioría dos seus membros o novo regulamento orgánico do Concello de Mos, que rexe a organización dos órganos municipais e cuxa renovación era necesaria ao datar o anterior documento do ano 2004.

O obxecto do presente regulamento é regular a organización e funcionamento dos órganos necesarios e complementarios do Concello de Mos, así como o réxime básico da organización administrativa da que se dota para o cumprimento dos seus fins. Regula así mesmo o Estatuto da/o Concelleira/o, no tocante aos seus dereitos e ás súas obrigas institucionais e corporativas, tanto dende a perspectiva individual como colectiva, e as canles de participación da cidadanía na institución.

O regulamento orgánico municipal, aprobado hoxe inicialmente, é exactamente o mesmo que o que a Deputación de Pontevedra aprobou en 2016 e que actualmente se atopa en vigor na administración provincial. No caso do Concello de Mos, o documento que se aproba inicialmente entra agora en período de exposición pública para que se poidan formular as alegacións que se consideren oportunas.

O regulamento, entre outros órganos do réxime da administración local, establece as pautas de funcionamento dos Plenos. Sobre o debate dos asuntos en Pleno establece que se ninguén pide a palabra, tras a lectura o asunto, someterase a votación. Se se promove debate, as intervencións serán ordenadas pola/o Presidenta/e consonte ás seguintes regras:

o debate comezará coa exposición do asunto, a cargo dalgún membro da Comisión Informativa que a ditaminase, e nos demais casos, dalgún dos membros da Corporación que subscriban a proposición ou moción ou polo Voceiro/a do Grupo político, por tempo máximo de cinco minutos. A continuación, con exclusión do grupo a que pertenza o/a propoñente, os grupos políticos e concelleiros/as non adscritos fixarán a súa posición política, por medio dos seus Voceiros/as ou outros/as Concelleiros/as do grupo designados para tal fin, por tempo máximo de cinco minutos por cada grupo. Concluída a quenda de palabra, se algún dos grupos ou Concelleiros/as non adscritos o solicitase, procederase a unha segunda quenda, por tempo máximo de tres minutos por cada grupo, incluído o propoñente. Terminadas as intervencións, a/o Presidenta/e dará por terminado o debate, que pechará cunha intervención do/a propoñente na que se limitará brevemente a ratificar ou modificar a súa proposta, e no seu caso, aceptar as emendas formuladas por tempo máximo de dous minutos.

No caso das mocións presentadas a Pleno, para garantir a operatividade e o correcto funcionamento corporativo, a presentación de mocións ou proposicións, incluídas as de urxencia, estará limitada a un máximo de sete por sesión e debendo ser de interese municipal. Cada grupo político poderá presentar o número de mocións que lle correspondan en proporción ao seu número de concelleiros/as. En todo caso, cada grupo político poderá presentar unha moción, aínda que a proporcionalidade non o permita. Cada concelleira/o non adscrita/o poderá presentar como máximo o número de mocións que proporcionalmente lle corresponda en cómputo anual en atención ao número máximo de mocións por cada sesión plenaria ordinaria e o número legal de concelleiras/os que compoñen a Corporación.

E no caso dos rogos e preguntas, cada grupo político poderá formular un máximo de tres rogos e preguntas por cada sesión plenaria, e unha cada concelleira/o non adscrito.

Este regulamento tamén contempla a posibilidade de prohibición de acceso ao Pleno en caso de alteración da orde e a expulsión do mesmo en caso de ataques ou insultos.

Deja un comentario