+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Novembro de 2019

SOUTOMAIOR PON EN VALOR Ás MULLERES DO RURAL


O Multiusos de Arcade acolle a exposición “Fenómenos do rural”, do muralista Yoseba Murazabal
Con motivo do Día Internacional da Muller do Rural, celebrado hoxe, o Concello de Soutomaior organiza unha serie de actos dedicados a poñer en valor a historia das mulleres galegas. Ata o próximo día 30, o multiusos de Arcade acollerá a exposición “ Fenoménos do rural”, que finalizará coa proxección do documental do mesmo nome no que o autor recolle a historia que hai detrás de moitos dos murais que hoxe adornan edificios en toda Galicia.
A mostra, segundo indica o propio autor, recolle unha serie de retratos de “mulleres en mandilón con súper poderes” co obxectivo de dar testemuño do valor do traballo destas mulleres e a relevancia que ten na súa contorna. “Na Galicia menos urbana, esas señoras en mandilón foron o soporte oculto das economías domésticas. Unhas heroínas de forza sobrehumana”, destaca Murazabal.
A exposición estará dispoñible ata o 30 deste mes, día no que se clasurará a mostra coa proxección do documental que recolle os mellores momentos da historia dalgúns das súas obras máis famosas. A proxección comezará ás 19:30 horas e contará coa participación do propio autor, que compartirá cos asistentes unha charla tras o documental.
Novo mural en Arcade
Ademais da exposición e a proxección do documental, a colaboración do muralista Yoseba Murazabal co Concello de Soutomaior continuará nas próximas semanas co pintado dun novo mural en Arcade. A obra, que terá unha superficie de máis de 100 metros cadrados, realizarase na medianeira dun edificio da entrada de Arcade desde Pontevedra e poñerá en valor a figura da muller nun dos oficios artesanais de maior tradición local, a recolección de recoiro.

Deja un comentario