+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

O CONCELLO ADXUDICA A CREACIÓN DUN HUMIDAL ARTIFICIAL ECOLÓXICO COMO SISTEMA DE DEPURACIÓN DE PARAÑOS


A infraestrutura vai ser executada por Caldevergazo, que gañou o concurso con 11 ofertas, e conta cun orzamento de 60.000 euros

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai dotar ao lugar de Paraños, na parroquia de Carballedo, dun sistema de depuración de augas residuais que dará servizo á rede de saneamento existente, pero vai facelo dun xeito pioneiro na nosa comunidade, xa que vaise crear un humidal artificial subsuperficial de carácter ecolóxico para tratar estes vertidos de orixe doméstica. Trátase dunha iniciativa medioambiental novidosa en Galicia que xa foi probada con éxito en moitos países europeos, especialmente Francia, e que se caracteriza pola súa eficiencia, baixo custo, mínima afección ao paisaxe e ao medio natural e sostenibilidade.

Este proxecto vén de resolver o seu proceso de licitación e o Concello acaba de resolver o correspondente concurso público, que rexistrou once ofertas, cunha adxudicación á empresa Caldevergazo. A obra, que conta cun orzamento de 60.000 euros e un prazo de execución de tres meses, permitirá corrixir o deficiente sistema de depuración que existe na actualidade.

Este humidal artificial ecolóxico, que terá capacidade para atender a unha poboación duns 150 habitantes, supón un reto tecnolóxico que se caracteriza polo seu baixo custo de investimento e mantemento e estase a converter nun sistema moi competitivo en termos de eficiencia e sostenibilidade para pequenos núcleos de poboación, como é o caso de Paraños.

O proxecto consiste na creación dun espazo que reproducirá, de maneira controlada, os procesos de depuración que ocorren nos humidais naturais. Así, trátase dun sistema totalmente natural e sen adicción de produtos químicos de xeito habitual, polo que produce moi poucos lodos abaratando moito a súa xestión. Ademais, o seu mantemento é moi escaso, xa que non hai dependencia tecnolóxica, as comprobacións periódicas son mínimas, o consumo enerxético é moi reducido, non xenera cheiros nin insectos e conta cunha alta integración na paisaxe.

O sistema de depuración situarase nunha parcela de 1.256 metros cadrados e consistirá nun dobre tratamento a través dun tanque séptico con capacidade para 30.000 litros e un humidal artificial de 99 metros con aireación forzada. Tamén se construirán, tras os correspondentes

desmontes, pozos de rexistro, arquetas, tubarías, peche perimetral e aparcamento nunha cota de
370 metros, o que permitirá o seu axeitado funcionamento

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que o proxecto tivo que adiarse uns meses por un cambio técnico para solucionar correctamente a entrada das augas do saneamento na depuradora e tamén pola necesidade de buscar un maior financiamento, xa que esta necesaria modificación incrementou o custo. En calquera caso, destacou que se trata dun proxecto que demostra “o forte compromiso do noso concello co medio ambiente, que é un dos valores de moita importancia neste territorio e que debemos protexer, e coa sostenibilidade, polo que apostamos por novos sistemas de depuración que sexan moito máis asumibles para as arcas municipais en termos de construción, mantemento e enerxía e que ademais sexan o máis respectuosos e estean o máis integrado posible no noso medio natural”.

Deja un comentario