+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

DAVID CARRERA E DANIEL VIDAL VISITAN A “CASA NIÑO” DA LAMA PARA COÑECER E IMPULSAR ESTE SERVIZO


Teñen esgotadas as cinco prazas máximas autorizadas pola Xunta para atender a cativos con idades comprendidas entre os tres meses e os tres anos

 

O tenente de alcalde da Lama David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, mantiveron un encontro de traballo coa directora da “Casa Niño” da Lama, María Canda Falcón, para coñecer e potenciar os servizos que se ofrecen no municipio a través desta iniciativa financiada pola Xunta de Galicia.

Na actualidade a “Casa Niño” da Lama conta con 5 cativos, con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, o máximo que contempla a normativa para que se podan acoller a este servizo que busca axudar ás familias a concilia-la vida laboral coa persoal e ao tempo que tamén se fomenta a axuda á natalidade nas zonas do rural.

María Canda Falcón, responsable da Casa Niño da Lama, explicoulles aos representantes municipais o funcionamento deste servizo para as familias do municipio e que benefica a nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos que dispoñen deste servizo de luns a venres en horario de 7:30 a 15:30 horas, aínda que no é obrigado que estean todo o tempo xa que se poden recoller aos cativos antes das 15:30 horas.

A “Casa Niño” está instalada na antiga Casa do Conserxe, nas inmediacións do centro educativo, en pleno centro da Lama, e os representantes municipais estiveron analizando coa responsable do servizo a necesidade de acometer algunhas melloras e incluso pinta-las paredes exteriores con debuxos infantís para mellora-la imaxe do edificio e facelo máis acaído á súa función.

Esta xuntanza enmárcase dentro das que se están realizando por parte do alcalde e membros do equipo de goberno con colectivos e institucións co fin de coñecer mellor a realidade e as necesidades dos veciños e veciñas, especialmente os máis cativos, en materia educativa, asociacionismo sociocultural e deportivo, comunidades de montes, comunidade escolar, ANPA, etc.

Deja un comentario