+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

O PROGRAMA CULTURAL DE OUTONO INCLÚE SAMAÍN CON ACTIVIDADES DE TERROR, MAGOSTO POPULAR E AS ACTUACIÓNS DOS BOLECHAS E A RODA


Os actos comezan o venres 25 co Día da Biblioteca e, na xornada seguinte, co túnel e a andaina terrorífica, que teñen aberta a inscrición

 

O Concello de Moraña xa ten pechada a programación cultural do presente outono, que inclúe unha xornada en torno á Biblioteca Municipal, un Samaín e un Magosto Popular, así como as actuacións estrela dos Bolechas, orientada ao público infantil, e do grupo de música tradicional A Roda.

A primeira actividade será o Día da Biblioteca, que se conmemora cada ano o 24 de outubro e que, por cuestións de axenda e operatividade, terá lugar na Casa da Cultura ao día seguinte, o venres 25. Haberá actuación e pasarrúas do espectáculo dos Bolechas a partires das 17.30 horas grazas á colaboración da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta.

O Concello celebrará o sábado 26 o seu Samaín con senllas actividades de terror que tiveron unha gran acollida de público o pasado ano, polo que volven a formar parte desta programación. Así, celebrarase un Túnel do Terror para nenos de 9 a 14 anos dende as 18.30 horas e, posteriormente, unha Andaina Terrorífica para maiores de 15 anos que fará un percorrido con moitas sorpresas polas inmediacións do casco urbano de Santa Lucía con saída ás 21.30 horas. A inscrición gratuíta para ambas actividades, que contan coa colaboración da Deputación, xa está aberta na Biblioteca Municipal.

Finalmente, o venres 8 de novembro terá lugar o tradicional Magosto Popular na Carballeira de Santa Lucía a partires das 21.00 horas. Haberá degustación gratuíta de castañas asadas e chourizos, servizo de bebida e un concerto do grupo A Roda. Esta
actividade lúdica conta con financiamento da Vicepresidencia da Xunta.

Deja un comentario