+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

OS ABRENTES PRESENTAN O SEU VI FESTIVAL DE MÚSICA TRADICIONAL, QUE CONTARÁ CON CINCO ACTUACIÓNS


O espectáculo será o sábado 19 ás 20.00 horas no Centro Cultural de Cerdedo e enmárcase no 25 aniversario da agrupación cultural
A sede administrativa de Cerdedo acolleu esta mañá a presentación oficial do VI Festival de Música Tradicional da Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo, un espectáculo consolidado na programación cultural do municipio e que nesta ocasión enmárcase na ampla programación que se está a desenvolver ao longo de todo o ano polo 25º aniversario da entidade organizadora. O acto contou coa presenza do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e membros dos Abrentes.
O certame contará con ata cinco actuacións relacionadas co folclore tradicional e estarán protagonizadas polo grupo de gaitas No Colo do Vento, de Vigo; a Asociación Cultural Os Muíños de Oliveira, de Ponteareas; Os Terribles de Donas, de Gondomar; a Asociación do Traxe Galego, de Santiago de Compostela; e a agrupación anfitrioa.
Este festival, que será presentado por Teresa Cuíñas, comezará ás 20.00 horas no Centro Cultural de Cerdedo e o acceso, como de cotío, será de balde ata completar o aforo.
O rexedor local, que destacou a colaboración da administración local con este certame e co 25º aniversario, puxo en valor “a longa traxectoria dun cuarto de século dos Abrentes a prol da nosa cultura e das nosas tradicións” e transmitiulles os parabéns do Concello e de toda a cidadanía “por este esforzo, por levar con orgullo o nome destas terras e por axudar a seguir construíndo este municipio dende os ámbitos cultural e musical”. Finalmente, quixo convidar a toda a veciñanza e á xente da contorna a asistir ao festival pola súa gran calidade.

Deja un comentario