+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

‘CAMIÑO A DENTRO’ LEVA A UTOPÍA DO CAMIÑO AO CENTRO DE PONTEVEDRA NUNHA ACCIÓN CO ALUMNADO DE BELAS ARTES


A artista Lucía Loren e un grupo de estudantes da facultade escenifican un evocador encontro das rutas xacobeas na praza da Ferraría, dentro do proxecto para por en valor o Camiño Portugués

O proxecto Camiño a dentro, promovido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra a través de O Teu Xacobeo, desembarcou este mediodía na praza de A Ferraría de Pontevedra da man da artista Lucía Loren e dun grupo de alumnas e alumnos da Facultade de Belas Artes da cidade. A acción, baixo o nome Utopías do Camiño, evocou o encontro entre as diferentes rutas xacobeas e as emocións que espertan entre as peregrinas e os peregrinos, e simboliza ademais o respecto á natureza e a vontade dun cambio cara o sostible, onde a terra dos camiños individuais fúndese nun camiño común.

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, destacou que Camiño A Dentro é un “proxecto fermoso, que vincula a arte contemporánea co Camiño, nunha iniciativa feita por mulleres, para mulleres e para a poboación en xeral”.

A deputada provincial de Cohesión Social, Olga García, mostrou no evento a súa satisfacción polo desenvolvemento de Camiño A Dentro, unha iniciativa que busca pór en valor o Camiño Portugués a través da acción de dez mulleres artistas en diferentes concellos da provincia de Pontevedra. “O Camiño Portugués é o segundo itinerario xacobeo máis transitado. Está en auxe e queremos seguir impulsándoo”, explicou, para agradecer ao alumnado da facultade a súa colaboración nesta iniciativa.

Esta nova acción é a sétima do programa de Camiño A Dentro, que onte fixo escala en A Guarda da man de Inherente Teatro e a próxima semana terá lugar en Nigrán e Tui. Soutomaior porá o peche ás intervencións artísticas do proxecto o día 25 de outubro.

Camiño A Dentro inclúe desde poesía, música e teatro, ata fotografía, videocreación, ilustración e instalación. A través destas obras búscase afondar na relación entre Camiño e territorio, así como propiciar a interacción entre a veciñanza e as persoas peregrinas e recoñecer o traballo das mulleres no mundo da arte.

O proxecto conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. A iniciativa está comisariada por Paula Cabaleiro, coordinadora tamén do programa Mulleres en acción. Violencia zero da Deputación de Pontevedra.

Segunda ruta máis transitada
O Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinas e peregrinos en 2018 e en aumento constante nos últimos anos. O Camiño pola Costa, que cruza todo o litoral desde A Guarda ata Redondela, tamén rexistra un progresivo incremento de persoas, con 13.638 en 2018. Así, as dúas rutas vencelladas ao país veciño superan as 81.500 persoas ao ano en tránsito pertencentes a un grande abano de nacionalidades.

As imaxes e información dos artistas poden descargarse deste enlace.

CONCELLO LUGAR, DÍA, HORA ARTISTA. ACCIÓN
NIGRÁN Praza do Concello, venres 18 de outubro, ás 19:30 horas Carla Andrade. Fotografía e videocreación
TUI Praza de San Fernando (diante da Catedral), sábado 19 de outubro, ás 18:30 horas Nastasia Zürcher. Música
SOUTOMAIOR CPR Santiago Apóstol de Arcade. Venres 25 de outubro, ás 12:00 horas. Helen Bertels. Acción escénica

 

Deja un comentario