+034 986 09 02 04 Sábado 23 de Xuño de 2018

Mais de 200 escolares visitan esta semana a casa consistorial para coñecer o funcionamento diario do concello


Nesta serie de visitas guiadas, organizadas pola Concellaría de Educación, que dirixe Ana Martínez, e impartidas polos alumnos da especialidade de Animación Sociocultural do Obradoiro de Empleo “Porremprego II”, ademais de coñecer esta obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios, os estudantes tiveron a oportunidade de saber como funciona a diario a institución municipal visitando os diferentes departamentos

Co obxectivo de introducir aos escolares no funcionamento diario do Concello de Porriño, como administración pública máis próxima, estudantes de Porriño de cuarto, quinto e sexto curso de Educación Primaria veñen desenvolvendo esta semana unha serie de visitas guiadas á Casa Consistorial, organizadas pola Concellaría de Educación, que dirixe Ana Martínez, e impartidas polos alumnos da especialidade de Animación Sociocultural do Obradoiro de Empleo “Porremprego II”.
Ademais de coñecer esta obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios, os nenos tiveron a oportunidade de saber como funciona a diario a institución municipal visitando os diferentes departamentos e coñecendo o traballo que nestes se desenvolve, así como os servizos que o Concello de Porriño presta aos cidadáns; dende Urbanismo á Alcaldía, na que foron recibidos polo alcalde, Nelson Santos, pasando polos Servizos Sociais, Medio e a que sempre se postula como a estrela do percorrido para os máis pequenos, a visita ás dependencias da Policía Local.
Outra das actividades que máis interese espertan nos nenos, é a celebración dun pleno simulado, no que parte do grupo asume os roles dos diferentes membros da Corporación Local, dende o Alcalde, secretario e interventor aos concelleiros dos diferentes grupos.

As visitas iniciáronse o martes 24 de febreiro coa asistencia dun grupo de 35 alumnos de quinto curso do CEIP Antonio Palacios. O mércores foi a quenda do colexio Hermanos Quiroga e, esta mesma mañá, foron os CEIP de Cruz Budiño e Atios os que, xunto a un grupo de alumnos de ACEESCA, realizaron a visita. Por último, pechando este ciclo de visitas, a Casa Consistorial recibirá mañá os alumnos de primeiro da ESO do IES Ribeira do Louro, despois de mostrar esta semana o seu quefacer diario a máis de 200 escolares de Porriño.

Deja un comentario