+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Novembro de 2019

CUBELA ACUSA AO PSOE DE «VIVIR FÓRA DA REALIDADE» DO CONCELLO AO DESCOÑECER OS ALTOS INVESTIMENTOS EN REBORDELO


Sinala que se destinan 827 euros anuais por veciño, unha cifra por riba da media, e que se actuou en pistas, abastecemento ou a Casa do Pobo
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acusou ao grupo municipal socialista de demostrar novamente que “vive fóra da realidade do noso concello e que non ten ningún interese real en preocuparse polos veciños” despois de que esta formación criticara ao goberno por unha suposta falla de atención e de implicación nos problemas e nas necesidades da parroquia de Rebordelo, que precisamente rexistrou uns elevados investimentos nos últimos anos xestionados polo goberno local.
“Agocharse en supostas queixas veciñais para criticar a acción do goberno en Rebordelo, cando estou en contacto directo cos veciños desta parroquia, non como eles, e cando executamos un altísimo nivel de investimentos nesta zona, sempre de acordo cos seus residentes, é non coñecer a realidade do noso concello”, sinalou o rexedor, que explicou que se investiron 220.000 euros nos dous últimos anos e, entre eles, 90.000 nos case dez meses do presente exercicio.
Neste punto, Cubela detallou que, só nos últimos tempos, acometeuse a renovación da pista do Pozo Negro e a pavimentación das Lagoas, construiuse o novo depósito de augas, reformouse e mellorouse a fondo a Casa do Pobo, fíxose un amplo plan de limpeza e construción de cunetas, canalizáronse as pluviais dende O Salgueiro ata a carballeira, dotouse á zona de marquesiña, arranxáronse fontes e lavadoiros e determináronse as franxas de protección de lumes, por só citar as principais actuacións.
O alcalde, que lamentou que os socialistas se referiran a algún problema privado entre veciños para criticar ao goberno, tamén apostillou que o Concello “actuou ata onde ten competencias en defensa do interese xeral”, lembrando a apertura de expedientes de recuperación de camiños públicos cando foron pechados. E respecto a outras posibles diferenzas entre veciños, revelou que está en marcha un estudo cos servizos xurídicos para traspasar as carballeiras municipais ás Comunidades de Montes. Finalmente, tamén respostoulles, sobre ao valado do Pozo Negro, que descoñecen novamente a lexislación, “xa que hai que ser moi coidadoso coas obras na contorna dos ríos, posto que son zonas de policía dos leitos e están protexidas medioambientalmente, polo que non se poden facer grandes cousas”.
“Que falen de anos de olvidou ou de que miramos cara outro lado só pode proceder de quen toca de oído dende o seu despacho na capital ou de quen vive noutro municipio que non é o noso, pero en ningún caso debería saír da boca dun representante público que sexa responsable e coñeza a realidade”, lamentou o alcalde, que cifrou o investimento anual por habitante dende 2017 na parroquia de Rebordelo en 827 euros, “unha cifra que está por riba da media do noso municipio”.

Deja un comentario