+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA SUBLIÑA O PAPEL DO FESTIVAL DE CINE INCLUSIVO DE VIGO “COMO FACTOR DE APOIO Á DEMOCRATIZACIÓN DA CULTURA”


A presidenta da Deputación salientou a programación no festival do proxecto provincial “Sorrisos transformadores”, “unha aposta por dar visibilidade e reclamar que todas as persoas teñen os mesmos dereitos”

A Escola de Cantería elabora as catro estatuíllas que se entregarán como premios do público e do xurado aos mellores documentais e curtametraxes

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe o papel do Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF) polo seu “factor de apoio á democratización da cultura” e a súa “capacidade para chegar a todo o mundo”. Silva cualificou de “obriga” o compromiso da institución provincial con este evento, “porque todas as persoas teñen dereito a poder desfrutar da cultura, que é fundamental”, na presentación deste certame, que organiza a Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) e que se celebrará entre os días 22 e 26 deste mes de outubro na cidade olívica.

No acto celebrado no Museo Marco, Silva mostrou a súa satisfacción porque as estatuíllas que se entregarán como premio no festival volvan estar deseñadas pola Escola de Cantería, “co que modernidade e tradición están moi ligadas”. As figuras están elaboradas en granito e representan o obxectivo dunha cámara, xogando amais co simbolismo do encadramento, o ollo e a orella. E, por outra banda, destacou tamén o feito de que a programación do certame inclúe a presentación da webserie “Sorrisos transformadores”, “unha aposta moi seria por dar visibilidade e reclamar que todas as persoas teñen que ter os mesmos dereitos”. “Así que imos desfrutar desta festa do cine en Vigo _concluíu a presidenta da Deputación_, e estou segura de que as vindeiras edicións serán aínda mellores e que acabará converténdose nunha das grandes mostras de cine ligado á inclusión. Alí estaremos desfrutando deste gran cóctel de cultura audiovisual que tedes preparado”.

Na súa intervención, Silva destacou tamén o feito de que na área metropolitana de Vigo e no conxunto da provincia “está habendo unha gran revolución cultural ligada ao cinema e ao audiovisual”. “Directoras e directores, promotoras e promotores, guionistas, xente vinculada a todos os eidos que está a ter un enorme recoñecemento a nivel nacional e internacional”, apuntou a presidenta, que citou como exemplo o caso do realizador Oliver Laxe, que acaba de presentar a súa recoñecida película “O que arde” en Vigo. “Polo tanto _engadiu_, hai que apostar polo cinema, e moi particularmente polo cinema galego. E facer que chegue a todas as persoas”.

Na presentación do VIIFF, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou a súa admiración polo proxecto desenvolvido por Again para “transformar o cine en inclusivo”. “O voso éxito é o éxito dunha cidade, dun país”, manifestou o rexedor, quen subliñou que “facer esta nova dimensión do cine inclusivo ten un enorme valor“ e tamén apuntou que a continuidade do certame está garantida. Pola súa banda, o director do certame, Gonzalo Suárez, pediu as autoridades presentes “remar todos xuntos” para facer un gran festival en Vigo, que sexa referente no mundo na visibilización dos máis vulnerables a través do cine.

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIFF), cuxas proxeccións terán lugar no Auditorio Municipal e nos Cines Salesianos, ten como finalidade dar a coñecer, apoiar e valorar os proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade. Nesta cuarta edición, o festival segue a apostar por dúas seccións competitivas, unha de documentais (Vig-In Doc), que este ano quere poñer o foco nas enfermidades raras, e outra de curtametraxes audiodescritos e subtitulados.

No que atinxe á webserie “Sorrisos transformadores” que se presentará o día 26, está dirixida por Noemí Chantada e Óscar Pardo. Trátase dun proxecto da Deputación de Pontevedra que naceu como exposición fotográfica e no que colaborou a Asociación Arelas, de Familias con Menores Trans*. Como soporte desa mostra, realizouse unha peza audiovisual, en formato documental, e oito curtas (que constitúen a webserie) que recollen as testemuñas das e dos protagonistas da exposición, nas que amosan as realidades e os obstáculos sociais os que se enfrontan as persoas trans* día a día.

Deja un comentario