+034 986 09 02 04 Mércores 20 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA APROBA A CONCESIÓN DE 130.000 € PARA QUE 48 ENTIDADES DA PROVINCIA DESENVOLVAN ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO


Entre os proxectos subvencionados atópanse iniciativas enmarcadas no turismo accesible, cultural, náutico, gastronómico e mariñeiro, así como torneos deportivos internacionais

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para actividades de carácter turístico. En total, tal e como explicou a presidenta, destinaranse 130.000 € para que 48 entidades da provincia desenvolvan actividades de carácter turístico enmarcadas, en liñas xerais, no turismo accesible, cultural, náutico, gastronómico e mariñeiro, así como torneos deportivos internacionais.

O principal obxectivo desta liña de subvencións é, como asegurou Carmela Silva, “colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector turístico da provincia de Pontevedra, así como manter un sector turístico competitivo, de calidade e accesible”. Así, as subvencións teñen unha dobre finalidade, por unha banda a promoción e estímulo do sector turístico e, por outro lado, a promoción dos recursos turísticos da provincia.

Para a adxudicación das axudas, os criterios con máis puntuación foron os aspectos relacionados co desenvolvemento turístico da provincia, tal e como explicou a presidenta da Deputación. “Entre outros –explicou Carmela Silva- valoráronse as actividades que fomentan un turismo accesible e sustentable, as actuacións de impulso á desestacionalización e á profesionalización do sector, actividades con premios ou recoñecementos oficiais, con impacto fóra da provincia ou aquelas encamiñadas a promover o turismo enogastronómico”.

Deja un comentario