+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA: “O VINDEIRO VERÁN PODEREMOS VER OS CASTROS DE TOIRIZ, SUBIDÁ E ALOBRE TOTALMENTE RESTAURADOS E MUSEALIZADOS”


Fomento vén de sacar a licitación os proxectos de musealización dos castros de Marín, Vilagarcía e Silleda cun orzamento base de 600.651,78 €

Xa están rematados os proxectos doutros sete xacementos que agora mesmo so están pendentes do visto bo de Patrimonio da Xunta de Galicia

A presidenta da Deputación animou ás empresas galegas a presentar ofertas, cuxo prazo permanece aberto ata o 12 de novembro

A presidenta da Deputación de Pontevedra confirmou esta mañá a apertura do proceso de licitación por parte do Ministerio de Fomento para a musealización do primeiro lote de xacementos galaico-romanos da provincia, do protocolo que manteñen ambas as dúas institucións para a posta en valor dos castros da provincia. Os primeiros proxectos que saén a licitación son os de Toiriz (Silleda), Subidá (Marín) e Alobre (Vilagarcía). Dende a adxudicación do contrato, as empresas terán catro meses para executar os proxectos, polo que Carmela Silva anunciou que “o vindeiro verán poderemos ver os castros de Toriz, Subidá e Alobre totalmente restaurados e musealizados”.

O Ministerio de Fomento sacou a licitación os proxectos de musealización destes tres castros da provincia esta mesma semana, cun orzamento base de 600.651,78 euros. Neste eido, a presidenta provincial animou “ás empresas galegas a presentar ofertas para este procedemento, cuxo prazo de apertura mantense aberto ata o 12 de novembro”.

En concreto, Silva detallou que as obras a realizar por Fomento en Toiriz (Silleda), Subidá (Marín) e Alobre (Vilagarcía) consistirán en traballos previos, traballos de pavimentación, dotación de mobiliario e sinalización, tratamento da paisaxe e melloras dos accesos. En todos eles, ademais, se situarán paneis que incluirán unha liña temporal co seu encadre cronolóxico, información xeográfica e sociocultural, datos da contorna da escavación e trazas na paisaxe.

No caso concreto de Toiriz, en Silleda, haberá un panel informativo específico para narrar a relación do castro con outros asentamentos. Na Subidá, en Marín, haberá información sobre a propia configuración do castro e cuestións relacionadas con elementos singulares do xacemento como son o concheiro e o petróglifo situado nas súas inmediacións. O concheiro tamén terá un panel propio no castro de Alobre, en Vilagarcía de Arousa. Ademais destas cuestións, o orzamento base de licitación do Ministerio de Fomento tamén contempla partidas destinadas a dotar aos tres xacementos de contidos en audio, así como a fabricación das mostras de sinalización, seguimento arqueolóxico, xestión de residuos e cuestións relacionadas coa seguridade e a saúde.

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para informar sobre o estado de situación do resto dos xacementos enmarcados no protocolo asinado entre a institución provincial e o ministerio. “Temos xa en Patrimonio o segundo lote con outros sete xacementos cuxos proxectos xa están rematados, é dicir, só están pendentes do informe de Patrimonio da Xunta de Galicia. Trátase dos castros da Lanzada en Sanxenxo, Penalba en Campo Lameiro, Mercado dos Mouros e Igrexa Vella en Valga, Adro Vello no Grove, Alto dos Cubos en Tui e Cruz do Castro en Cotobade. Finalmente, respecto ao terceiro e último lote dos xacementos, xa están en fase de redacción os proxectos de Taboadexa nas Neves, Troña en Ponteareas, Trega na Guarda, Facho en Cangas, Cabeciña en Oia e Castrolandín en Cuntis”.

“Tralos atrancos, inacción, desidia, parálise e ineficacia do goberno de Rajoy, dende que goberna Pedro Sánchez está todo en marcha e en prazo”, asegurou a presidenta da Deputación. Así, Carmela Silva asegurou que “en quince meses de goberno de Pedro Sánchez investíronse xa máis de 600.000 euros mentres que nos tres anos de goberno de Rajoy apenas si chegaron aos 250.000 euros”.

Deja un comentario