+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

VECIÑOS DE COMUNIDADES DE MONTES DO CONCELLO DA LAMA ASISTEN Á XORNADA TÉCNICA SOBRE PREVENCIÓN DE INCENDIOS NOS NÚCLEOS RURAIS


A actividade estivo organizada polo Distrito Forestal XIX, da Consellería de Medio Rural, en colaboración co Concello da Lama

 

Directivos de varias comunidades de montes do municipio da Lama así como o concelleiro de Medio Rural, Jorge Méndez, o tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, asistiron á xornada técnica sobre prevención de incendios nos núcleos rurais organizada polo Distrito Forestal XIX, da Consellería de Medio Rural, en colaboración co Concello da Lama.

Os técnicos do Distrito Forestal XIX centraron a súa intervención en abordar temas relacionados coa problemática dos incendios forestais da zona, lugares de alto risco, as épocas de perigo alto e o índice de risco diario de incendios forestais.

Ademais, incidiron en temas relacionados coas comunicacións e autorizacións de queima, procedemento de solicitudes e prescripcións técnicas no eprego do lume e alternativas á utilización do fogo como ferramenta para a xestión da biomasa.

Asemade, esta xornada serviu para concienciar aos asistentes sobre a necesidade e a importancia da xestión conxunta da propiedade forestal para maior valoración do monte cunha aproximación ao que son as asociacións de propietarios e as sociedades de fomento forestal.

Neste senso, incidiuse tamén no fomento da xestión conxunta entre propietarios dos minifundios forestais a través de figuras como o SOFOR, ademais de incentiva-la valoración do monte e dar a coñece-las consecuencias e os efectos dos incendios.

Os asistentes coñeceron tamén cales son as medidas máis axeitadas de autoprotección das edificacións próximas ao monte, que facer cando se detecta un incendio, sistemas de alerta, normas de actuación cando o lume afecte ao núcleo de poboación (confinamento na casa, protección activa da vivenda, evacuación, colaboración cos servizos de extinción, etc.). Tamén se repasaron as distintas recomendacións aplicadas a cómo actuar cando un incendio nos sorprende no medio natural ou dentro dun vehículo.

Finalmente sinalar que esta xornada estaba dirixida preferentemente a propietarios forestais e comuneiros, persoal técnico con interese no eido forestal e ambiental, traballadores de empresas do sector, agricultores, mulleres do medio rural, persoas que se incorporen ao sector primario, etc. e ten como obxectivo explica-la normativa en materia de prevención de incendios forestais e concienciar á cidadanía na posta en práctica das medidas de prevención e autoprotección nesta materia.

Deja un comentario