+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SÚMASE ESTE SÁBADO AO DÍA INTERNACIONAL CONTRA O CANCRO DE MAMA E REVALIDA O SEU COMPROMISO COAS ASOCIACIÓNS DE PERSOAS AFECTADAS E AS SÚAS FAMILIAS


O goberno de Carmela Silva participa nos actos de concienciación fronte a unha enfermidade da que no que levamos de ano detectáronse 730 novos casos na provincia

Ao abeiro do Día Internacional contra o Cancro de Mama, a Deputación de Pontevedra súmase ás accións que se desenvolven para dotar de visibilidade a este tipo de tumor. Trátase do cancro máis frecuente entre as mulleres e na provincia de Pontevedra afectou, no que levamos de ano, a 730 persoas rexistrándose sobre todo en mulleres de máis de 75 anos. Como cada 19 de outubro celébrase este día como recordatorio do compromiso que tanto as institucións como a sociedade teñen a favor da loita contra o cancro de mama, un tumor que en España é diagnosticado a preto de 33.307 pacientes cada ano, segundo datos do Observatorio da Asociación Española Contra o Cáncer (AECC).

Prevese que unha de cada oito mulleres terán cancro de mama en España por iso a Deputación de Pontevedra considera de máxima importancia a investigación deste tipo de tumor. Se ben é certo que aos tratamentos cambiaron considerablemente nas últimas décadas e que os programas de detección precoz supuxeron todo un fito, non podemos deixar de lado esta loita e debemos avanzar cara un futuro no que padecer esta enfermidade non supoña un trastorno para pacientes e familiares.

Para a Deputación de Pontevedra é fundamental sumarse ás iniciativas que teñen por obxectivo concienciar á cidadanía, sensibilizar á sociedade sobre enfermidades coma o cancro de mama e manifestar todo o seu apoio ás persoas que padecen a enfermidade e ás súas familias. Como mostra disto, a deputada provincial Noemí Outeda participou onte na concentración “Mans Erguidas” organizada pola AECC que tivo lugar na Praza da Ferrería de Pontevedra para amosar o apoio da Deputación aos pacientes e familiares que conviven co cancro de mama.

O cancro de mama é o tumor máis frecuente entre as mulleres occidentais e só no ano 2019 detectáronse en España 33.307 novos casos. Tamén os homes padecen esta enfermidade, aínda que a súa incidencia na poboación masculina é moi baixa e supón tan só un 1% do total do cancro de mama. Con todo, en España ten un índice de supervivencia superior ao 90%, o que significa que máis de 90 de cada 100 persoas que padecen cancro de mama continúan vivas cinco anos despois de ser diagnosticadas.

Deja un comentario