+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

MORAÑA LANZA A SÚA APOSTA TURÍSTICA NACIONAL CO NOMEAMENTO COMO EMBAIXADOR DA FEIRA DE LEITÓN CORDOBESA


Piñeiro destaca as festas do Porquiño á Brasa e o Carneiro ao Espeto, o santuario de Amil e o gran valor natural e paisaxístico do municipio

O Concello de Moraña vén de lanzar a súa aposta turística de ámbito nacional coa súa participación na oitava edición da Feira do Leitón Ibérico, que se celebra esta fin de semana no municipio cordobés de Cardeña e onde se vén de nomear ao concello como embaixador da sinalada cita gastronómica polas súas semellanzas coa Festa do Porquiño á Brasa de Amil. Con motivo desta distinción, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, recibíu un agasallo conmemorativo. A rexedora, que agradeceu o nomeamento de Moraña como embaixador do Leitón Ibérico, destacou na súa intervención o gran potencial turístico de Moraña con festas como o Porquiño á Brasa ou o Carneiro o Espeto, enclaves de peregrinación como o santuario de Amil, tradicións como a Baixa das Bestas e unha enorme riqueza natural e paisaxística con decenas de paraxes de gran beleza.
Polo demais, a comitiva morañesa, da que tamén forma parte o tenente de alcalde José Cela, segue despregando a súa actividade no recinto feiral e na vila de Cardeña.
Así, os concertos e pasarrúas da Banda de Música Nova Lira están a espertar gran expectación e a admiración do público cordobés ao tempo que o stand promocional de Moraña está a recibir numerosas visitas na feira. Cómpre sinalar que a representación complétase cun grupo de gaiteiros e de baile, empresarios de artesanía e produtos ecolóxicos e polbeiros.
“Estamos moi satifeitos da acollida en Cardeña e o moito que valoran o que lle estamos a mostrar do noso concello, polo que cremos que está a ser unha gran oportunidade para difundir os moitísimos valores, festas e tradicións que temos en Moraña e que comprobamos con alegría que sorprenden moi positivamente fóra das nosas fronteiras”, detallou Piñeiro.

Deja un comentario