+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Os vilagarciáns xa poden solicitar praza nos campamentos de verán da Deputación


O municipio dispón de 9 prazas nas actividades deportivas a impartir no centro Príncipe Felipe e que teñen unha cota de 125 euros

A Concellería de Xuventude informa ás familias do municipio que a Deputación Provincial de Pontevedra abre mañá o prazo de inscrición para os campamentos infantís de verán. Vilagarcía dispón de 9 prazas nos Campamentos Deportivos que se celebran no centro Príncipe Felipe de Pontevedra, e doutras 105 para os Campamentos da Lanzada. As solicitudes poden realizarse a través do Concello ata o 27 de marzo e directamente na Deputación ata o 1 de abril.

A OMIX de Vilagarcía faise eco da convocatoria da Deputación debido á elevada demanda que soen ter en Vilagarcía os Campamentos Xuvenís de Verán, especialmente os da Lanzada. Como entidade colaboradora, a Concellería que dirixe Sandra García colaborará co organismo provincial encargándose da recollida e envío das solicitudes que se presenten no municipio ata as 14:30 horas do 27 de marzo. A partir de aí e ata o 1 de abril incluído os interesados deberán presentar as súas solicitudes directamente no Rexistro xeral da Deputación ou a través da xanela única.

Os campamentos de verán da Deputación desenvolveranse no antigo sanatorio da Lanzada entre a última semana de xuño e a primeira de setembro. As estancias terán unha semana de duración, establecéndose un total de once quendas. Este programa está dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2002 e 2007 (ambos incluídos). Segundo as bases elaboradas polo organismo provincial, a cota xeral por participar no campamento ascende a e 83,60 euros, podendo a deputación cobrar a maiores unha cantidade económica que non superará os 17 euros en concepto da realización de actividades e excursións.

Os Campamentos deportivos están orientados ao perfeccionamento dun deporte e impártense no centro Príncipe Felipe de Pontevedra. Vilagarcía dispón de 9 prazas para nenos e nenas nados entre os anos 2001 e 2008 (ambos incluídos) a repartir nos campamentos que se desenvolverán en seis quendas entre o 6 de xullo e o 22 de agosto. A cota para asistir a esta actividade ascende a 125 euros.

Formularios de inscrición e documentación
Para ámbolos dous tipos de campamentos, os formularios de solicitude pódense imprimir dende a web da Deputación http://www.depo.es , onde tamén se poden consultar as bases da convocatoria. Tamén se pode requirir información a través do teléfono do organismo provincial 986 804 100 ou mesmo na OMIX de Vilagarcía.

A documentación que se debe achegar xunto coa solicitude de praza e a ficha de inscrición componse de fotocopias do DNI do pai, nai ou titor; DNI do menor ou, da tarxeta sanitaria ou seguro médico e libro de vacinas e volante de empadroamento do menor (este documento solicítase no primeiro andar do Concello, no mostrador de información presentando a solicitude de praza no campamento).

As bases saen publicadas no BOP de hoxe, 27 de febreiro, e nelas recóllense outras especificacións e recomendacións.

Deja un comentario