+034 986 09 02 04 Mércores 27 de Maio de 2020

A Xunta salienta o papel das universidades á hora de acadar un maior equilibrio entre mulleres e homes no mundo profesional


O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuníronse cos representantes do programa ‘Woman Emprende’

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuníronse esta mañá en San Caetano coa directora do programa ‘Woman Emprende’, Eva López Barrio, e o director de ‘Uniemprende’, Carlos Hernández, que lles presentaron as súas actividades para o 2015.

Durante o encontro, Rueda e López Abella mostraron o seu apoio ao programa, co que a Xunta colabora desde fai anos, e salientaron o papel das universidades á hora de acadar un maior equilibrio entre mulleres e homes no mundo profesional, un obxectivo no que o ‘Woman Emprende’ e a USC están a ser determinantes.

Entre outras iniciativas, os representantes de ‘Woman Emprende’ presentaronlles dous documentos elaborados no marco de actuación de INNOVATIA 8.3, un proxecto de colaboración entre a USC e o Instituto da Muller e para la Igualdade de Oportunidades que busca promover o emprendemento feminino no ámbito universitario.

O primeiro documento é o Manual de Procedementos 2.0, cuxo obxectivo é introducir a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e na creación de empresas. Como complemento desta manual tamén se confeccionou a Guía Emprende Igual, destinada a servir como ferramenta para a aplicación da perspectiva de xénero no acompañamento ás mulleres emprendedoras.

Titorización do emprendemento feminino
Igualdade tamén colabora con ‘Woman Emprende’ na titorización do Programa Emega, unha iniciativa destinada a potenciar o emprendemento feminino para que as mulleres se integren no sector produtivo galego poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas empresariais a través de diferentes liñas de actuación.

Para conseguir estes obxectivos, desde o ano 2009 a Secretaría Xeral da Igualdade leva investidos no Programa Emega ao redor de 3,8 millóns de euros, un investimento que ten contribuído a crear preto de 500 postos de traballo feminino ao redor de toda Galicia.

Deja un comentario